4/12/2009
Reclaman un novo modelo de xestión e reiteran a súa negativa ante calquera intento de privatización
Máis dun milleiro de delegados e delegadas da CIG percorreron as rúas de Compostela en defensa do emprego, da galeguidade e do carácter social das caixas. Antes da manifestación os delegados e delegadas participaron nunha asemblea nacional na que Clodomiro Montero, secretario nacional da federación de Banca e Suso Seixo, secretario xeral da CIG, explicaron a situación na que se atopan as caixas galegas e cal é a alternativa da CIG.
2/12/2009
Reclama da Xunta de Galiza a presentación inmediata dun Plano Estratéxico que permita reverter esta situación
O aumento do paro en Galiza é, para a CIG, alarmante e constata que a central atinaba cando advertía que o país sufriría as consecuencias da crise cunha virulencia igual ou mesmo maior que o resto das economías mundiais, aínda que se atrasara a súa entrada ao seren unha economía menos desenvolvida que as do noso contorno. A central reclama a presentación, por parte da Xunta de Galiza, dun plano Estratéxico, para seu debate coas centrais sindicais, que permita reverter a situación.
2/12/2009
Valora positivamente que, por fin, se debata no pleno do Parlamento
O 17 de xuño de 2008 entregábanse no rexistro do parlamento, as máis de 19.000 sinaturas recollidas pola CIG para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular para a derrogación do chamado plus dos altos cargos. Transcorrido máis dun ano anúnciase que a ILP será debatida polo pleno do Parlamento o próximo día 9 de decembro. A CIG valora positivamente que se incluíra, por fin, o debate da ILP na orde do día da sesión plenaria. Porén, lamenta o acordo de PSOE e PP de votar en contra, máis cando desde o goberno se está xustificando a conxelación dos salarios dos empregados públicos alegando unha suposta política de austeridade, pero se manteñen os gastos derivados deste plus.
2/12/2009
A central critica que non se realizase con anterioridade unha auditoría ás entidades para coñecer a súa situación patrimonial e financeira real
No escenario no cal as presión do Banco de España, o PP e o PSOE teñen situado ás caixas galegas a respecto de acudir a fusións ou constitucións de SIP con entidades de fóra, a decisión anunciada pola Xunta de Galiza esta mesma mañá apostando por garantir a galeguidade das dúas caixas vía fusión das mesmas, semella a opción máis favorábel dende o punto de vista de País, na medida en que permite garantir o control do aforro que se canaliza a través das caixas, así como dende o punto de vista do mantemento do emprego da propia entidade resultante, posto que unha fusión foránea implicaría unha perda moi superior de postos de traballo.
2/12/2009
A Audiencia Nacional e a Avogacía Xeral do Estado recoñecen o dereito da central a xestionalos
A CIG foi excluída do reparto de fondos de formación estatais, polo PP, no ano 2004, alegando que só tiña o carácter de organización sindical máis representativa nun territorio do estado, malia recoñecer o seu dereito a participar na negociación colectiva estatal precisamente por ter esa condición. Porén, tanto a Audiencia Nacional como máis recentemente o pasado18 de novembro, a Avogacía Xeral do Estado recoñeceron ese dereito considerando que se conculcaron os principios de igualdade e de liberdade sindical. Malia iso, CCOO, UGT e a patronal non semellan dispostas a recoñecer o dereito da CIG a acceder a eles. Diante desta situación, a CIG advirte que emprenderá accións legais recorrendo á vía penal e mesmo exixindo responsabilidades patrimoniais.
30/11/2009
Advertiron que non tolerarán ningún texto que supoña un paso atrás no proceso de normalización
Organizacións integradas na Plataforma Cidadá ‘Queremos Galego’ do ámbito do ensino, manifestaron en rolda de prensa as súas inquedanzas polo clima de “incerteza” que se vive nas aulas perante a previsíbel derrogación do decreto 124/07 de uso e promoción do galego no ensino. Un decreto que mantén a súa vixencia no presente curso escolar pero que está previsto que sexa substituído por un novo texto. As organizacións participantes denunciaron que ese novo texto, tal e como foi anunciado, “suporía o primeiro retroceso legal en 30 anos de período autonómico e presenza legal do galego no ensino”.
28/11/2009
A candidatura que encabezaba á Executiva Comarcal contou co 58,19% de apoio
O sábado 28 de novembro tivo lugar no Salón de Actos da Faculdade de Económicas desde as dez menos cuarto e até as catro da tarde o V Congreso Comarcal da CIG de Vigo. Neste congreso avaliouse o traballo realizado pola comarca de Vigo nos últimos catro anos a través do Informe da Executiva, que foi aprobado. Ademais escolléronse o novo secretario comarcal, a nova executiva comarcal e os 19 representantes da comarca de Vigo no Consello Confederal.