Cales foron os motivos que te impulsaron a escribir “Migracións”? Que queres expresar co libro?
Rafa Villar: O tema do libro é moi do noso tempo, de compromiso social. O punto de vista non é o típico “eu” do poeta. Ao contrario, tomo partido para ser voz desas persoas, colectivos e clases sociais que están á marxe do sistema, isto é, a xente que está na periferia das cousas importantes.
O compromiso non se entende sen unha visión política das cousas. Nestes momentos, o poder económico e as institucións europeas están a realizar unha ofensiva contra a inmigración e os inmigrantes van ser os primeiros que paguen a crise que fabrica o propio sistema. Queren que sexan os sectores máis desprotexidos os que paguen a crise. No libro, esta preocupación é unha constante.
Que representa “Migracións” na túa traxectoria poética?
Rafa Villar: Nos quince anos que levo escribindo e publicando, Migracións parte dunha traxectoria porque os temas son basicamente os mesmos, temas de carácter social, político e ideolóxico. Creo que, se cadra, este libro é aínda máis comprometido socialmente. Hai un afastamento do punto de vista máis persoal, poético, para implicarme cos que sofren. Este é o sentido máis novidoso de Migracións.
Como avalías o estado de saúde da literatura galega actual?
Rafa Villar: Moi positivo na parte que atinxe aos creadores, porque hai moita xente escribindo nos diferentes xéneros e estamos coexistindo diferentes xeracións. Agora, que pasa? O noso é un sistema literario débil porque así o é a consideración da lingua, da cultura e do propio país, que non ten soberanía, que é dependente, que non conta cun estado propio. Isto impide que esteamos nunha situación normal. Na literatura vivímolo máis porque é unha actividade pública que depende dunha serie de resortes que van desde as editoras, os libreiros, a promoción nos medios.
Hoxe hai bastante invisibilidade en Galiza sobre o propio sistema literario do país. É máis importante para os medios de comunicación ou para os libreiros o último “premio Guadalajara de novela” que o premio Xerais.
Creo que hai moitas cousas do sistema literario que fallan pero, curiosamente, na parte creativa segue a haber xente que aposta pola lingua. Segue sendo unha heroicidade que un rapaz novo aposte por crear e facer literatura en galego. Ademais, hai xente cunhas capacidades impresionantes para escribir e para chegar aos lectores.
Até que grao está a lexitimada a Real Academia Galega (RAG) para dicir cal é nome do país?
Rafa Villar: A RAG parte dunha escasa lexitimación social neste país. Cumpriu historicamente un papel subsidiario e non está á altura da sociedade galega. É certo que no período de Fernández del Riego houbo a incorporación de xente nova que estivera proscrita, xente do nacionalismo. Houbo un cambio pero a RAG aínda segue estando lastrada por sectores que, desde logo, non pensan neste país nin teñen a cabeza posta neste país. Dalgunha maneira viven da súa existencia, de que existe unha lingua, unha historia, pero non senten o país.
A RAG non fai unha aposta clara pola normalización, que sería o básico nunha academia. Tería que liderar socialmente este tema criticando determinadas actuacións, apelando aos poderes públicos para que manifesten outro tipo de actitudes respecto da linga propia. Non o fai.
Curiosamente, cando se dan pequenos conflitos, como ocorre co nome do país, a RAG, aínda non tendo potestade ningunha, porque non a ten legalmente, pronúnciase cunha intencionalidade de situar o país noutras coordenadas que non son as que sentimos os que queremos a Galiza, os que aspiramos a que teña capacidade de decisión propia. A Academia non está á altura da sociedade nin das funcións que debería ter unha academia en Galiza, coa preocupación básica polo idioma e pola extensión dos seus usos sociais.
A dedicatoria do vindeiro Días das Letras a Ramón Piñeiro en detrimento de figuras como a de Carvalho Calero tamén é sintomático.
O recoñecemento a Carvalho Calero e a aposta pola lingua son as grandes cuestións pendentes da RAG. No caso de Carvalho, non se fai ese recoñecemento, como é obvio, polos posicionamentos reintegracionistas que mantivo nos últimos tempos, como se isto negase toda unha traxectoria histórica de servizo ao país, cunha grande investigación filolóxica e literaria. Hai sectores da Academia que son moi reaccionarios. Hai que dicilo así. E unha figura como Carvalho atragóaselles.
En canto ao recoñecemento de Ramón Piñeiro, evidentemente, hai factores políticos que inflúen e non é casual que goberne o PSOE, formación política pola que Piñeiro apostou claramente nos últimos anos. Tampouco está á marxe que se queira recoñecer un determinado tipo de galeguismo fronte ao practicado polo nacionalismo galego. Tamén hai que dicir que, coas súas luces e sombras, Piñeiro tivo un papel relevante no mundo cultural galego durante practicamente corenta anos. Creo que houbo proxectos nos que participou que foron positivos para o país.
Como interpretas a virulencia que adquiriron nos últimos tempos os ataques ao galego por parte dos sectores máis ultras do españolismo como “Galicia Bilingüe”, a “Mesa por la Libertad Lingüística” ou a COPE?
Rafa Villar: Creo que actúan de xeito mimético a como o fan os españolistas en Cataluña ou no País Vasco. É certo que aquí houbo algún avance no ensino, cun novo decreto que, polo menos, dá máis garantías ao galego ao marcar maiores cotas nos centros de ensino non universitario. Existe unha bola de neve que se crea na metrópole, fundamentalmente, para atacar os avances normalizadores en Cataluña. Entón, aquí están aproveitando para criticar as catro cousas que se intentan facer. Se hai unha lingua oprimida e de carácter secundario, esa é o galego. O sarcasmo é querer aparecer socialmente como vítimas os que son os verdugos da lingua. Son sectores minoritarios que contan cun apoio mediático importante e co amparo político do PP.
A supervivencia do galego pasa por un achegamento á Lusofonía?
Rafa Villar: A supervivencia depende da capacidade que teña a sociedade galega para resistir e manter viva a lingua. Esa capacidade e esa resistencia máis ou menos consciente teñen que unirse á autoorganización da sociedade en torno á defensa da lingua.
Respecto á orientación lingüístico-filolóxica, eu son partidario dun achegamento ao mundo da Lusofonía ou, mellor dito, da Galegofonía, porque onde naceu a lingua foi aquí. Creo que o achegamento á Lusofonía é un horizonte estratéxico. Terían que darse pasos progresivos. Pero considero que a implantación da norma portuguesa agora, nun momento en que a lingua ten tantas debilidades e está a ser tan atacada, non ía ser percibida por unha maioría social de forma intelixíbel e a rexeitaría. Pero eu si avanzaría incluíndo o portugués nos centros de ensino, coa recepción en Galiza das televisións e radios portuguesas, con maiores intercambios entre as propias administracións. Hai que intensificar os lazos co mundo da Lusofonía.
1
abatidos os corpos
reaparecen vomitados nas praias varridas
son vidas fumegantes
que apenas alentan baixo o frío
e non se sabe como
pero son quen aínda de exhalar tenrura
eles
migrantes do século xxi
tripulando tanta soidade
fronte a nós
bárbaros e medoñentos
case humanos, diría
2
cantas crónicas de nós
parten dun peirao errante e dun barco gris
e de longuísimos adeuses sen reloxo
quixeramos esquecelo
como se adoita esquecer
aquilo que máis proe
mais é difícil
envaiñar cousas como a memoria
a memoria
que se sostén contra toda evidencia
coma un ladrido lonxe
seca, dura e violenta a memoria
que nos devolve ao espello
inutilmente crebado de nós
Do libro MIGRACIÓNS (2008)