Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 27/10/2010

Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Le Galicia Cornavin, Xenevra. Xurxo Martínez Crespo
Inmigrantes italianos e galegos en Suíza, 1968. Arquivo CIG-Migración
Fábrica Brown Boveri Baden, 1968. Arquivo CIG-Migración
Emigrantes galegos en Suíza. Arquivo CIG-Migración
Cartaz xenófobo. "Só temos este lugar nesta terra. Suíza para os suízos". Eleccións nacionais, 1975

Cartaces xenófobos en Suíza. "Suíza non é terra de inmigrantes. Nationale Aktion contra a invasión de estranxeiros ao pobo e á patria. Arquivo CIG-Migración.

Entrevista á antropóloga social verbo a emigración e retorno dos galegos emigrados a Suíza

Marianne Helfer: "Entre os emigrantes en Suíza, os galegos son, probablemente, o grupo que en maior número retorna ao seu país"

Marianne Helfer (Suíza, 1977) é na actualidade unha das principais especialistas verbo o retorno dos emigrantes galegos a Galiza. En 2006 remata a carreira de Antropoloxía Social en Berna cun traballo verbo o retorno das e dos emigrantes galegos de Suíza a Galiza (bisbarra de Bergantiños, A Coruña). Colaborou coa Confederación Intersindical Galega na elaboración do primeiro libro monográfico dedicado á emigración galega a Suíza con motivo do L aniversario do inicio desa emigración (1960-2010). Convidada pola CIG en agosto de 2010, presentou o traballo en Carballo.

Marianne Helfer. Antropóloga social

A emigración galega (1) a Europa (Alemaña e principalmente Suíza) en 1963 representaba o 14, 94% do total da emigración desde o Estado español. A partir dos 70 foi medrando e chegou a representar  o 25,55 (1971), 26,12 , 29,18, 36,64 (1974), 38,80 (1975), 43,62 (1976), 48,87 (1977), 53,40 (1978), 59,92 (1979) e 57,17 en 1980, anos en que na teoría non se emigraba no Estado español, aínda que si na Galiza.

 

Xurxo Martínez Crespo (XM) - É un caso illado o dos galegos en Suíza ou propio de todos os estranxeiros querer retornar ao seu país de orixe despois duns anos?

Marianne Helfer (MH).- O desexo de regresar ao seu país de orixe é un desexo común entre emigrantes de todas as rexións do mundo, é un fenómeno que acompaña a toda emigración. Non obstante, creo que dentro da emigración europea da segunda metade do século XX os galegos destacan. Entre os emigrantes en Suíza son probabelmente o grupo que en maior número retorna ao seu país - e sorprendentemente "regresan" moitas veces tamén os fillos dos emigrantes, algo que por exemplo acontece con moito menos frecuencia entre os italianos.

XM - Nos 60 e 70 as leis suízas concedían doadamente os permisos temporais de residencia ou traballo, non obstante era moi difícil conseguir un permiso permanente ou o reagrupamento familiar. Estas dificultades tiñan algunha finalidade ou era simplemente unha casualidade?

MH.- Estas prácticas eran parte dunha política de migración que non perseguía a residencia permanente como finalidade. Os obxectivos eran máis ben o retorno dos emigrantes e a constante renovación da man de obra. De alí xurdiu tamén o termo alemán Gastarbeiter - ou sexa traballador convidado - que describe precisamente esta época e esta política migratoria.

XM. - Cales foron as causas da chegada masiva de inmigrantes a Suíza? Tivo (e ten) esta chegada un peso e unha importancia na vida dos suízos e no futuro da Confederación?.

MH.- Dende o final da segunda guerra mundial, Suíza viviu un auxe económico sen precedentes. Definitivamente a inmigración masiva foi e segue sendo un factor determinante para o funcionamento e a prosperidade do país aínda e cando hoxe en día a emigración chega doutros países e a cualificación da man de obra sufrira cambios.

XM.- Estaban preparados os poderes públicos, a administración e a escola suíza nos 60 e 70 para a chegada de estranxeiros?

MH.- Suíza preparárase para unha inmigración temporal de man de obra nova e sen familia. Obviamente non estaba preparada para o que resultou ser a inmigración duradeira de traballadores coas súas respectivas familias e que fixeron de Suíza a súa residencia durante xeracións. Isto trouxo como resultado entre outras cousas o xurdimento de movementos claramente xenófobos.

XM.-  Cales cres que foron as principais causas determinantes da emigración galega a Suíza?

MH.- As causas hai que buscalas en diferentes campos. Entre eles os intereses respectivos de Suíza e do Estado español - a emigración galega a Suíza foi impulsada e fomentada tanto polo Goberno español coma pola economía e o Goberno de Suíza. Unha vez establecido o fluxo migratorio dende Galiza cara a Suíza, este seguiu as regras de todos os movementos migratorios en cadea - é dicir a xente disposta a emigración diríxese cara a un lugar onde xa existen contactos persoais ou familiares. Sen lugar a dúbidas, non hai que esquecer neste contexto a longa "tradición emigratoria" galega.

XM. - A calidade de vida dun inmigrante galego, a súa vida cotiá, era moi distinta da dun compañeiro de traballo suízo ou italiano?

MH.- Isto dependía de moitos factores, como por exemplo o tipo de emprego (traballaba na industria, na construción ou na agricultura o emigrante), o lugar onde vivía (nunha vila, nunha cidade, no lugar de traballo - no terreo ou en barracóns da empresa), de se estaba só/soa ou coa súa familia e do seu círculo social (frecuentaba, por exemplo, un centro galego). A vida cotiá dun emigrante era probabelmente máis diferente da dun suízo cando se trataba de emigrantes solteiros que vivían no lugar de traballo. Outra diferenza era que algúns emigrantes galegos tiñan varios empregos - por exemplo traballaban no día na fábrica e á noite ían limpar oficinas. Iso seguramente non acontecía entre traballadores suízos. 

XM. - A emigración galega, historicamente, está marcada pola separación e a desintegración familiar de pais e fillos. Pódese sacar algunha conclusión ou ver os resultados desta separación entre pais e fillos,  40 ou 50 anos despois?

MH.- No meu estudo puiden observar que para as familias que sufriron a separación de pais e fillos, a desintegración familiar é un trauma que deixou moitas secuelas. É definitivamente un tema no cal queda moito por investigar. Tamén habería que considerar o feito que moitos dos emigrantes á súa vez creceran tamén sen os seus pais, que foron emigrantes en Latinoamérica ou en Europa. 

XM. - Existiu unha preocupación por parte dos galegos en integrarse na sociedade suíza, ou desta por integralos?

MH.- A idea da integración non formaba parte deste movemento de migración que era determinado polo antes mencionado termo Gastarbeiter. O obxectivo desta política foi a rotación dos emigrantes laborais, pero non a súa integración, nin sequera a súa residencia permanente no país. Entrementres, a maioría dos emigrantes galegos consideraba a emigración como un proxecto de aforro e de retorno e non se preocupou tampouco pola integración social, xa que vía a emigración como unha fase cun prazo determinado.

XM. - Era a mesma a imaxe dos galegos en 1965 ou cambiou coa chegada de novos grupos de inmigrantes, doutros países, en Suíza?

MH.- Sempre son os grupos de máis recente inmigración os que sofren a estigmatización tanto en Suíza coma noutros países - iso aconteceu na súa época cos italianos e os españois en Suíza, máis tarde cos támiles e hoxe en día cos emigrantes provenientes dos Balcáns e de África. Nese sentido a imaxe dos galegos cambiou definitivamente nos derradeiros 40 anos da do pobre e pouco culto Gastarbeiter á dun cidadán dun país membro da Comunidade Europea que goza do seu dereito á mobilidade laboral.

XM. - Era a "disposición ao traballo" o xeito de integrarse dos galegos en Suíza?

MH- Definitivamente. O traballo foi o propósito e a razón de ser da emigración. E a disposición ao traballo e a súa forza laboral foron a carta de presentación dos galegos en Suíza.

XM.- En 2010 podemos dicir que a 2ª xeración de galegos, criados ou nacidos en Suíza, está totalmente integrada?

MH.- A pesar de que aos chamados secondos italianos, galegos e españois se lles considera completamente integrados, a sociedade suíza segue tendo as súas reservas cara á segunda xeración de emigrantes. Proba diso é o feito que o pobo suízo votou repetidamente en contra dunha nacionalización facilitada para as persoas de segunda e terceira xeración. Obviamente, os suízos non están dispostos a facilitar o acceso á cidadanía - xeralmente considerada como o último paso da integración.

XM.- O retorno a Galiza ten un único compoñente económico ou está influído por razóns sociais, culturais....

MH.- Sen dúbida, cunha pensión de vellez suíza vívese mellor en Galiza ca en Suíza. Se a iso sumamos o feito de ter unha vivenda propia en Galiza, o elemento económico cobra moita importancia. Pero aínda así existen outros compoñentes: Tanto o retorno en si como a forma en que se leva a cabo son parte dun discurso social sobre a migración en Galiza. Así que para moitos emigrantes o retorno representa unha norma social que ten un efecto estruturador sobre a súa historia de vida. Para moitos emigrantes o afastamento da idea do retorno significaría unha ruptura na súa biografía.

XM.- Que importancia ten a casa, a súa construción, arranxo, compra, en Galiza para o retorno de galegos dende Suíza?

MH.- É un dos factores determinantes tanto dende o punto de vista económico como emocional e simbólico. Os gastos que implicaba a construción dunha casa propia en Galiza foron moitas veces causa do aprazamento do retorno e requirían grandes sacrificios por parte dos emigrantes. Con todo iso, ou precisamente por iso, a casa adquiría un valor emocional e simbólico de vital importancia: representaba tanto o fogar onde se reuniría de novo a familia desartellada durante a emigración, a proba da presenza desta familia en Galiza e o benestar económico alcanzado dos emigrantes etc.

XM. - O constante aprazamento do retorno fixo que unha "breve" estadía se convertese en décadas. Cales foron as principais causas deste constante aprazamento?

MH.- Unha causa foi a mencionada construción da casa. Outra causa foi a educación escolar e a formación profesional dos fillos. Moitas veces os fillos criábanse cos avós en Galiza. Ao remataren a escola, os seus pais non estaban listos para regresar a Galiza polas débedas acumuladas na construción da casa e decidiron traer os fillos a Suíza, onde estes comezaron unha formación profesional. Outra causa podía ser a falta de oferta de traballo en Galiza.

Naturalmente ao irse aprazando o retorno, este íase relacionando máis e máis coa xubilación. Moitos emigrantes remataron por rexeitar a idea de se volver reinserir no mercado laboral en Galiza e decidiron ficar en Suíza até alcanzar a xubilación

XM. - Cal é a orixe das iniciativas xenófobas en Suíza?

MH.- Dende 1965 temos que votar regularmente nas urnas sobre propostas xenófobas - a próxima vez será o 28 de novembro sobre unha iniciativa do partido popular suízo (SVP) co obxectivo de facilitar a expulsión do país de estranxeiros delincuentes.

As iniciativas xenófobas impuxeron a inmigración como tema constante no debate político do país. As primeiras iniciativas tiveron a súa orixe no enorme crecemento da poboación estranxeira dende os anos 50 - un proceso que está vinculado á rigorosa regularización da nacionalización. Este crecemento constante foi (e é) instrumentalizado para fomentar o medo dos suízos pola perda da súa identidade cultural - en tempos de crise obviamente estes discursos xenófobos recaen en terra máis fértil aínda.

XM. - Retornan os galegos en idade de traballar ou só para xubilarse?

MH.- Para moitos emigrantes galegos o retorno está estreitamente vinculado coa xubilación e a idea de volver traballar baixo un patrón é rexeitada. Despois de moitos anos de vida laboral como subalternos, exercer unha ocupación por conta propia é unha cuestión de orgullo no ámbito social galego.

Aquí cabe mencionar que a transición dunha vida laboral esaxeradamente activa á vida de retornado e xubilado pode ser moi brusca e presentarse difícil de asimilar.

XM.- - En distintas relixións o paraíso é visto como un xardín, como unha horta rica e vizosa. A Xénese bíblica así o presenta. O retorno ao campo, á horta, á autosuficiencia alimentaria dos galegos despois de anos de duro traballo terá que ver con ese xardín paradisíaco do inconsciente?

MH.- Efectivamente. Todos os retornados que eu entrevistei tiñan unha horta ao regresar a Galicia. E parece que o traballo na horta lles ocupa gran parte do seu tempo. Nas nosas conversas mencionaban a autosuficiencia (parcial) como algo moi importante.

De tal forma que eu cheguei á conclusión que a autonomía produtiva no sentido da independencia dun salario foi para todos os entrevistados un obxectivo do retorno. Ademais o traballo na horta ten tamén a función de "pasar o tempo" - como dicían os retornados: ocupar de forma activa e razoábel o tempo que despois de moitos anos de traballo duro na emigración de súpeto sobra.

A antropóloga estadounidense Sharon Roseman fala neste contexto dun rural peasant ethos. Refírese con iso a que moitos galegos - emigrantes ou non - constrúen a súa identidade especificamente baseándose na vida rural e campesiña malia seren empregados asalariados. Traballar a terra e consumir comida caseira son elementos fundamentais desta identidade.

XM. - Consideras que a política migratoria suíza do Gastarbeiter foi equivocada, egoísta?

MH.- Como toda política ten que ser vista dentro do seu contexto histórico: Suíza tiña nesa época un grande interese en conseguir obra de man barata que por razóns sociais e de política de estado non debía quedar a longo prazo no país. Mentres tanto, os países emisores (en primeiro lugar Italia e o Estado español) tiñan interese en exportar man de obra excedente que mantivese vínculos estreitos co seu país de orixe, en primeiro lugar para xerar a chegada de divisas ao país. Neste sentido a política do Gastarbeiter foi un "negocio redondo" para ambas as dúas partes (país emisor e país de acollida).

Dende o punto de vista humanitario foi certamente unha política explotadora, sobre todo porque dificultou a reunión familiar e a residencia permanente.

XM. - Podemos poñer o cartel de Fin para a historia da emigración galega a Suíza?

MH.- Á emigración do Gastarbeiter si lle podemos poñer cartel de fin. Co retorno dos últimos Gastarbeiter nos próximos anos remataría definitivamente unha época de emigración. Os actuais e futuros movementos migratorios entre Galiza e Suíza haberá que velos no marco dunha Europa cada vez máis pequena e o tratado de libre circulación de persoas. É unha migración que acontece baixo outros parámetros que oxalá sexan máis humanos e lles deixen máis liberdade aos individuos na toma de decisión sobre o seu lugar de residencia.

XM.- O país con máis inmigrantes do mundo, Estados Unidos, dende os seus inicios, loitou (obrigou) na homoxeneización e asimilación dos inmigrantes despoxándoos daquilo que os facía distintos, principalmente o idioma.

Como ves ti a integración en Suíza? Como a entenden os poderes públicos da Confederación?

MH.-As políticas de migración e integración estadounidenses e europeas son completamente diferentes e difíciles de comparar. Mentres que EUA (e Canadá) se construíron como países sobre a emigración e a idea do melting pot en Europa tívose outra idea de pertenza que se basea principalmente na cidadanía - de alí tamén a diferenza entre o ius sanguinis na maioría dos países europeos e o ius solis en Estados Unidos.

Nese sentido, Suíza foi exemplar dentro de Europa durante boa parte do século 20: inmigración si, integración non. Soamente dende os anos 90 do último século foi cambiando a percepción da integración e por parte da administración pública fixéronse grandes esforzos por facilitar a inmigrantes a participación en vida social, cultural e económica (pero non política, ligada exclusivamente á cidadanía) do país. Nos últimos anos gañou moito en peso a eliminación da discriminación como vía á integración. Estes cambios teñen que ser vistos dentro do marco do achegamento de Suíza á Unión Europa (sen chegar a ser membro) e o acordo sobre a libre circulación de persoas: A "mobilidade europea" e os esforzos pola integración van da man cunha política de inmigración cada vez máis restritiva para persoas de fóra da Unión Europa.

(1) Fonte: elaboración estatística do Departamento de Migración da Confederación Intersindical Galega a partir do INE

cig.prensa@galizacig.com