Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 29/3/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Antón Gómez Reino, “Tone”, integrante da Plataforma Boicote, Desinvestimento, Sancións contra Israel

“Hai que apostar por transformar a situación actual en Palestina”

Boicote, Desinvestimento, Sancións son os tres eixos baixo os que xira a actividade da plataforma internacional BDS, que dende hai oito meses opera tamén na Galiza. Entrevistamos a Antón Gómez Reino, “Tone”, integrante de BDS-Galiza, quen explica os principios e obxectivos deste movemento.

Antón Gómez Reino, "Tone".

Como nace a plataforma Boicote, Desinvestimento, Sancións (BDS)?

A campaña BDS nace dun chamado da propia sociedade civil palestina no ano 2005 diante do enquistamento do conflito e o empeoramento das condicións da sociedade. “Boicote, Desinvestimento, Sancións” non é algo novidoso, senón que consiste en adaptar a estratexia que se desenvolveu contra o apartheid en Sudáfrica, pero neste caso dirixida contra Israel.

A campaña desenvólvese en varios eidos. Por un lado un boicote académico, cultural, deportivo e de consumo. Por outro promover o desinvestimento xeral das institucións públicas e as compañías que teñen contactos económicos con empresas israelís ou de matriz sionista co obxecto de que corten a súa relación económica. E finalmente a parte das sancións, máis focalizado á comunidade internacional para que cese as relacións diplomáticas e se apliquen a sancións ao estado de Israel pola violación de dereitos.

En que consiste cada un dos boicotes que nomeaches antes?

En liñas xerais, o boicot ao consumo é un chamado ao consumidor individual para que deixe de mercar aqueles produtos que proceden de Israel e foron elaborados, por exemplo, con materias primas extraídas dos territorios ocupados. O boicote cultural é unha chamada de atención a aquelas persoas ou colectivos (como a cantante Noa ou Mayumana) que teñen amosado unha conivencia coa estratexia sionista. No eido académico pídese as entidades que non subscriban acordos ou convenios coas universidades sionistas. E no campo deportivo procurase boicotear a participación nos eventos internacionais dos equipos Israelís, porque tamén nestes se deixa ver o racismo que existe cara aos palestinos.

Como chega a plataforma BDS a Galiza?

Na Galiza hai diferentes colectivos que levan tempo tentando lanzalo, polo seu interese como movemento solidario e como hipótese para articular aos movementos que existen arredor da loita palestina. Formalmente hai uns sete meses que está constituída en Galiza.

Por agora a plataforma aínda non parece moi coñecida…

O movemento é complexo e os colectivos que o integramos tamén temos moitas loitas dentro do noso territorio. En moitos lugares de Europa está sendo un éxito e estanse conseguindo accións importantes. A nosa idea é pór en valor a plataforma en Galiza. Até o momento xa se sumaron, no mundo sindical, a CIG, CNT e STEG, o Observatorio Esculca, Paiasos en Rebeldía, Fuga em Rede, Altermundo, a Coordinadora de Xudeos Antisionistas, ademais das adhesións individuais. Imos pouco a pouco, pero a idea é seguir sumando. Nos próximos meses prevese un ataque masivo sobre Gaza (a pasada semana xa se rexistrou unha nova agresión que deixou mortos), polo que posibelmente agrome con máis forza o movemento solidario.

Que actividades desenvolveu BDS-Galiza nestes meses e cales son as próximas accións?

Nestes meses mantivemos unha xuntanza co reitor da Universidade de Santiago para abordar o convenio que a USC ten asinado coa Universidade sionista de Ben-Gurión, que aínda que na práctica non se ten materializado podería abrir camiño para novos acordos. Dende BDS solicitamos que mentres a Universidade de B-G continúe lexitimando a política contraria aos dereitos dos/as palestinos/as e avalando a estratexia sionista ningunha  universidade galega manteña relación con esta institución.

Outra das cuestións que estamos traballando é a venda de armas a Israel. O estado español é un dos maiores exportadores de armas e preocúpanos que aquí se fabriquen armas que vaian parar a Israel, como sucede no caso da empresa General Dynamics, aínda que non existen datos claros sobre estas transaccións.  Recentemente enviamos a documentación da que dispomos aos grupos parlamentares galegos para que presenten iniciativas, preguntas, etc. no Congreso dos Deputados a través das que reclamar do Ministerio de Defensa información completa sobre estas relacións. Até agora só contestou afirmativamente o BNG e mediante o deputado Francisco Jorquera xa se presentou unha pregunta no Congreso.

Tamén estamos moi involucrados nestes momentos na iniciativa Rumbo a Gaza. Hai aproximadamente un ano partiu unha primeira flotilla da liberdade que rematou cun importante ataque militar e varios falecidos. O próximo mes de maio está previsto que saia unha segunda flotilla que, máis alá da acción humanitaria e do compoñente solidario, pretende presionar aos gobernos internacionais para que se posicionen no conflito e facer ver a Israel que os ataques non nos amedrentan nin van evitar novas accións de solidariedade.  Espérase que na flotilla participen máis de 13 barcos e preto de 2.000 persoas, entre as que haberá unha representación da sociedade civil galega. É previsible que haxa un novo asalto aos barcos e que Israel deporte a miles de persoas.

Por outro lado, o pasado decembro apoiamos o partido de fútbol organizado por Siareiros Galegos/as entre a Selección Galega e Palestina, á que acudiron case 2.000 persoas.

Está tendo boa acollida BDS-Galiza?

Creo que este é un dos conflitos que dentro da esquerda se ve máis claro. É certo que resulta complicado facer que a xente se mobilice nestes momentos, cando hai tantas cuestións locais por resolver.  Pero tamén é certo que, como elemento real, hai millóns de persoas que viven a ocupación dun estado que se quere occidental. Este conflito ten unha centralidade que non teñen outros conflitos e hai que apostar por transformar a situación actual.

Os cambios semellan aínda afastados, especialmente mentres os EUA continúen coa súa aposta económica, política e militar polo estado de Israel…

A situación hai que ponderala. Hai quen baralla que os EUA están perdendo hexemonía política e económica e haberá que ver que pasa tamén no resto da rexión. Aí estamos vivindo os ataques a Libia e as pretensións de calmar e acabar coas revoltas democratizadoras dos países veciños. As ultimas veces que estivemos por Palestina asistimos a un salto cualitativo a peor: por unha parte, a nivel de dereitos humanos, pero cada vez existen máis colonias e faise un expolio maior dos recursos, ao que se suma á entrada salvaxe do capitalismo que dinamitou as bases da sociedade civil palestina. A situación en Palestina é abafadora. O gran problema é que as agochadas Israel está atacando militar e economicamente aos palestinos. Prodúcense detencións a diario e contabilízanse 8.000 presos políticos. Ademais, alén do conflito con Israel, as dificultades agrávanse pola existencia dun conflito a nivel civil entre o pobo palestino.

E xa para rematar, a nivel práctico, como pode un galego ou unha galega participar deste boicote a Israel na súa vida cotiá?

O máis sinxelo é non mercar produtos feitos en Israel. Pódense identificar polo código de barras, os produtos que comezan co número 729 proceden de Israel. Neste sentido, BDS está preparando unha campaña para visibilizar entre os consumidores esta realidade. As persoas máis activas poden sumarse a todas as campañas que existen pro-palestina e apoiar a iniciativa Rumbo a Gaza.

Máis información sobre a actividade de BDS-Galiza na súa páxina web.

cig.prensa@galizacig.com