marco
Compostela, 30/7/2008
Coordinadora de CIG-Comunicación
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
María Xosé Abuín, Secretaria Nacional da federación de Saúde da CIG

“Non houbo un cambio de política en materia de recursos humanos nin de asistencia no Sergas”

Tras 22 anos á fronte da federación de Saúde da CIG, Xan Cons anunciaba a súa intención de reincorporarse á actividade profesional no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Para substituílo, o Consello Nacional elixía, por unanimidade, a María Xosé Abuín. A nova Secretaria Nacional salienta as prioridades que, en materia de Saúde, tanto a nivel laboral como social, ten marcadas a CIG e cuestiona o continuísmo na xestión do novo goberno.

Como se produce a substitución de Xan Cons?

O Secretario Nacional, Xan Cons, logo de tanto anos dedicados case integramente á actividade sindical, coida que é o momento de facer un relevo na dirección da federación matizando que aínda que non siga á fronte de CIG-Saúde, sempre estará aí para o que sexa necesario e que contemos con el. No último Congreso el preséntase advertindo xa que a metade de mandato, máis ou menos, hai que proceder ao relevo polo que é necesario comezar a buscar substituto. Agora considerou que era o momento oportuno, a metade de tempo entre Congresos e co proceso electoral, no que a CIG se consolidou como primeira forza sindical, rematado. Comunicouno á Executiva da federación, onde todos lamentamos moito a súa marcha porque cremos que é unha persoa difícil de substituír. Aí valoráronse dúas opcións, a primeira convocar un Congreso extraordinario e a segunda continuar coa mesma Executiva e elixir, entre as persoas que a compoñiamos, ao seu substituto. Apróbase a segunda proposta, continuar coa mesma Executiva e os compañeiros consideran, non sei se acertada ou desacertadamente, o tempo o dirá, que a persoa que podía encargarse da secretaría nacional era eu. Iso levouse ao Consello Nacional e os delegados e delegadas refrendaron a proposta: continuidade da Executiva e nomeamento da Secretaria Nacional de federación.

Por que tan poucas mulleres en postos de dirección no ámbito sindical?

Malia ser o sanitario un sector moi feminizado -a maioría somos traballadoras- o certo é que os postos de responsabilidade están ocupados maioritariamente por homes. Para min nunca foi un inconveniente. As mulleres estamos sobradamente capacitadas e aportamos outras cualidades porque temos unha visión bastante máis integral dos temas da que poden ter os homes. Porén si se bota en falta que non haxa máis mulleres á frente dos postos de responsabilidade. A razón principal é que aínda se mantén a concepción de que a muller é que ten que asumir a responsabilidade da casa, do coidado dos fillos, da atención aos maiores, é quen acude ao médico, quen fai a compra... unha situación que realmente dificulta o acceso a eses postos e que temos que superar.

Cales son os obxectivos prioritarios de CIG-Saúde?

O noso obxectivo prioritario, porque este é un traballo colexiado, é mantérmonos como referente entre os traballadores da sanidade pública e privada para seguir mellorando as condicións laborais do persoal sen perder de vista que o sistema sanitario público é un piar básico da sociedade, que temos que seguir defendendo. Por iso demandamos da administración que xestione o servizo público como un servizo ao que ten dereito toda a poboación e que ten moito que mellorar.

Malia ter cambiando o goberno, nos últimos anos asistimos a unha actividade mobilizadora importante, cales son as causas?

A consellaría de Sanidade anunciou en diversas ocasión que ía adoptar medidas para paliar o déficit sanitario existente e abordar, sobre todo, o problema das listas de espera. Porén, ningún deses plans se incorporou e o que se fixo non serviu para reducilas. A situación global non difire moito de tempo pasado e no ámbito estritamente laboral xorden conflitos derivados da falta de iniciativa da consellaría á hora de tomar decisións para cambiar de modelo sanitario. Non houbo un cambio de política en materia de recursos humanos, non hai unha política integral para abordar, no seu conxunto, as demandas dos traballadores e a demanda asistencial, que vai crecendo. Iso deriva nunha situación de conflito permanente no que a xente non percibe un cambio e tanto os traballadores como os usuarios atópanse con que cada día van perdendo calidade, uns nas condicións laborais e outros no servizo. O que provoca esta situación é que na meirande parte dos casos teñen que recorrer a esa sanidade complementaria que teñen que abonar, a sanidade privada.

É a precariedade laboral a que favorece que os traballadores e traballadoras do sector sanitario acaben optando pola emigración?

Unha administración non pode exixir unha titulación e unhas responsabilidades e logo retribuír e ofertar unhas condicións por debaixo desas exixencias. Durante moitos anos houbo un sistema moi precario porque os vínculos que se ofertaban eran de atención continuada de garda para realizar actividade ordinaria. A xente o que buscaba era unha seguridade e non ter que renovar vínculos mes a mes ou cada 15 días. Fíxose un primeiro plano de estabilidade co que se estabilizaron en torno a 214 postos de facultativos en toda Galiza. Agora hai un compromiso do SERGAS, que temos que seguir lembrando porque incumpre reiteradamente, de ofertar novamente o vínculo de estabilidade. De feito cando xurda unha vacante ten que contratarse como unha praza de nova creación, e non con contratos de mes a mes. Pero é unha situación que afecta a todo o persoal, non só aos facultativos. Os cadros de persoal precisan medrar pero os vínculos que se ofertan son de 15 días, de acumulación de tarefas, polo tanto, a situación é precaria e os traballadores teñen a incertidume de se lle van renovar o contrato... Ten que haber un compromiso do SERGAS para que cada dous anos se convoque un novo concurso oposición e que o persoal acceda á estabilidade con carácter definitivo.

Cada canto se convocan eses concursos oposición?

No sistema sanitario, sobre todo no caso dos facultativos, había máis de 13 anos que non se convocaba un concurso de oposición, co cal tiñamos interinos de 15 ou máis anos de antigüidade. A lei extraordinaria coa que se convocou non solucionou o grande problema e a partir de agora ten que haber un cambio na política de persoal, no sistema de contratación e unha solución integral na política de recursos humanos. Ten que haber garantías, polo ben do traballador e polo ben do doente, de que non se pode traballar por enriba das xornadas de 48 horas, do contrario os facultativos e o persoal en xeral buscarán unhas condicións de traballo con mellores condicións laborais.

E a reversión das fundacións á sanidade pública?

Ao final da época do PP iniciouse a reversión do persoal das fundacións, despois dunha presión sindical forte e coincidindo con que a CIG era a primeira forza sindical. Comezamos a negociar no 2004 a integración do persoal de fundacións no réxime estatutario. Cando entrou o PSOE houbo unha parálise na tramitación do decreto de estaturización e no 2007, transcorridos tres anos, produciuse esa integración. Fíxose ese cambio de persoal estatutario de fundacións a persoal estatutario do SERGAS, pero, malia os reiterados compromisos da conselleira de que se ían reverter todas as fundacións sanitarias, de momento non se chegou a cumprir. Dicían que no 2008 reverterían as fundacións hospitalarias: Barbanza, Virxe da Xunqueira, Salnés e Verín, para integralos na rede sanitaria do Sergas. Porén a data de hoxe non temos ningunha notifoicación e o resto de fundacións seguiremos esperando.