Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 5/11/2009
Coordinadora de CIG-Comunicación
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Secretario nacional da Federación de Banca

Clodomiro Montero: “Coa perda das caixas, Galiza perdería a súa soberanía financeira”

O debate sobre a fusión das caixas galegas entre si ou con entidades foráneas está aberto. Clodomiro Montero, secretario nacional da federación de Banca da CIG, explica nesta entrevista cales son as causas que levaron a estas entidades a actual situación e analiza o papel xogado polo PP e polo PSOE, como responsábeis de implantar un modelo económico como o actual. Montero advirte que, en todo caso, a intención última é concentrar para logo privatizar. “Unha nova lei de caixas podería garantir a cohesión social e territorial dentro do país e que Galiza blindara as súas competencias”, sinala.

Asistimos a un debate sobre a posíbel fusión das caixas de aforro galegas. É unha necesidade derivada da actual situación de crise?

Deriva da situación económica na que se atopan as caixas de aforro debido a un mal modelo de xestión impulsado pola CECA (Confederación Española de Caixas de Aforros), baseado nunha expansión asociada á do ladrillo, ao boom inmobiliario. Cando estoupa a burbulla ten consecuencias negativas tanto vía crediticia, polos préstamos concedidos a construtores, e polos préstamos hipotecarios que entran en mora polo aumento do paro, como porque as propias caixas se decidiron a participar con capital das grandes construtoras cando non a fundar construtoras propias. A media de exposición ao sector inmobiliario do sector financeiro español é do 60%. Porén, no caso das caixas está nun 70% mentres que na banca está nun 50%. Non hai que esquecer que a creación do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria) é unha demanda da propia CECA, que durante máis de seis meses pediu publicamente que se creara un mecanismo de rescate do sector bancario para que o estado inxectara cartos públicos  para sanear o sistema debido á súa mala situación. Uns cartos que, en realidade, estamos poñendo nós e que se achegan a unha media de 2.500 euros por habitante. Había analistas das propias caixas que auguraban que no 2010 o número destas entidades que podían quebrar podía superar a ducia delas. Ábrese así un proceso de reconversión do sector que ten implicacións laborais pero tamén económicas e sociais, xa que enlaza coa pretensión de privatizar as caixas de aforros.

Esa é a situación na que se atopan as caixas galegas?

As caixas galegas demostraron unha importante fortaleza no país pero a súa precipitada expansión, moi vinculada tamén ao ladrillo provocou que hoxe teñan debilidades estruturais evidentes que xa levaron ao peche de oficinas e a unha restruturación interna que aínda está en marcha. Agora barállanse varias posibilidades: seguir en solitario afrontando unha posíbel reconversión cada unha das entidades; que sexan absorbidas por caixas de fóra que teñan mellor situación que elas ou unha fusión das caixas de aforro galegas. Pero estas fusións non son fusións normais dentro do normal funcionamento das entidades financeiras. Veñen dadas pola súa situación económica e financeira. As entidades galegas buscan poder recorrer ao FROB como están facendo o 90% das entidades de aforros, para acceder a inxeccións públicas. O PSOE cre, segundo dixo Pachi Vázquez, que son as caixas as que deben opinar. Nós cremos que, en certa medida, a situación na que se atopan viu provocada polo papel que tivo o propio PSOE na consellaría de Economía, que permitiu que as caixas de aforros se meteran en investimentos empresariais e nunha expansión desmedida e só se preocupou de optar a postos nos órganos de goberno.

A CIG-Banca ten advertido dos custos derivados dunha posíbel fusión das caixas. Está en contra de que se produza?

A CIG, en principio, é contraria a calquera fusión porque así se contribúe a unha maior concentración do poder económico e social, porque teñen un impacto negativo sobre o emprego e porque somos conscientes de que o transfondo de calquera movemento de concentración ten no horizonte a privatización. Porén, non podemos posicionarnos sobre unha posíbel fusión das caixas de aforro galegas porque entendemos que viría condicionada por motivos económicos e sería temerario facelo ante rumores e sen coñecer exactamente cal é a situación das dúas empresas. Temos solicitada unha reunión coa consellaría de Facenda, para coñecer a situación real e as alternativas que se barallan. Sería unha loucura dicir que estamos a favor da fusión e atoparnos dentro de dous meses cun ERE e con despedimentos e sería temerario dicir que estamos en contra e logo atoparnos con que as caixas son inviábeis por separado.

Recentemente presentaron un estudio no que se analizan os custos laborais. Cales son as súas conclusións?

As caixas de aforro galegas non tiveron unha adecuada supervisión e control por parte da Xunta de Galiza. Porén, no caso das caixas vascas, onde tamén se falou de fusión hai dous anos, si que había un control político dirixido a que non houbera concorrencia entre elas. Así, no territorio no que estaba unha, a outra non ía abrir oficinas ao lado para competir e, de haber fusión, serían complementarias. No canto diso, en Galiza deixóuselles facer e os propios xestores das caixas optaron por unha política de apertura duplicada. Onde había unha oficina de Caixanova, abría enfronte unha de Caixa Galicia e ao revés, tanto aquí como na zona de expansión, precisamente para blindar o seu poder se se producía unha posíbel fusión. Por iso, a situación é máis complicada que noutros territorios e tería consecuencias traumáticas a nivel de emprego, tanto pola duplicidade da rede de oficinas como pola duplicidade de servizos centrais. Nós temos cuantificado que se poderían perder uns 1.500 postos de traballo. Tamén se fala de prexubilacións e estase utilizando intencionadamente ese argumento para intentar anestesiar ao persoal das caixas de aforros. Estase facendo crer que os maiores de 55 anos van ter unha saída non traumática, cobrando o salario íntegro. Algo que pensamos que é irreal. A propia UE ve con moi malos ollos as prexubilacións o que vai dificultar que se autoricen. Ademais, os cartos que poida dar o FROB está por ver que a UE autorice que se faciliten e que as caixas os poidan utilizar para prexubilacións. Pero é que eses cartos hai que devolvelos a cinco anos, non é un diñeiro a fondo perdido co cal se está partindo dunha premisa totalmente falsa. O verdadeiro perigo é que se poidan desmantelar parcialmente entidades para ser subastadas entre os bancos que iso é o que pode pasar aquí en Galiza.

Ese é o impacto que tería unha fusión entre as caixas galegas. Que ocorrería se a fusión se dá por separado con caixas de fóra?

Duplicaría ese impacto sobre o emprego. Por pór un exemplo, cando se falou dunha posíbel absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid, os servizos centrais quedarían en Madrid co cal os de Caixa Galicia desaparecerían. Ademais, unha caixa galega mantería unha mesta rede de oficinas no rural e nos barrios das cidades, seguiría dando cobertura e servizos financeiros en zonas con servizos deficitarios, como pode ser no rural, onde os bancos xa pecharon e quen quedan son estas caixas galegas, moitas veces en oficinas non rendíbeis pero que seguen abertas por manter o servizo. Sería moi difícil que unha entidade non galega tivera esa sensibilidade. Alén diso, Galiza non se pode permitir a perda das caixas galegas independentemente que esteamos máis de acordo ou menos coa xestión que se levou a cabo. Controlan cerca dun 50% do sector financeiro galego, teñen investimentos en numerosos sectores e empresas que son estratéxicos para a economía do país; son os segundos inversores, a través da súa obra social, en obra sociocultural e arredor das caixas de aforros sempre se xera emprego directo, emprego directo en empresas auxiliares, emprego directo en empresas de servizos pero tamén un tecido empresarial arredor delas que non se pode perder e menos nun momento de crise como o actual. Perderíamos ademais un instrumento financeiro de primeira magnitude, a nosa capacidade e a nosa soberanía financeira desaparecería.

Desde a federación de Banca tamén advirten de que a fusión, sexa entre caixas galegas ou con caixas foráneas, pode ser o primeiro paso cara a súa privatización. Porén, a normativa pola que se rexen non parece favorecer esa pretensión. Como se pode levar a cabo?

As caixas de aforros do estado español son hoxe unha pequena illa dentro dun sistema financeiro totalmente privado a nivel europeo. As inglesas, francesas ou italianas desapareceron logo dun proceso de concentración previo á posterior privatización. Aquí preténdese o mesmo: concentrar as caixas de aforros para unha posterior privatización. Dentro dos distintos modelos de privatización existentes, no estado español, xa en tempos de Felipe González, se elixiu o modelo británico, coa creación das cotas participativas, que son un instrumento financeiro similar as accións, pero sen o dereito ao voto das sociedades anónimas. Quen compra cota participativa compra un anaco das caixas pero a súa vez o diñeiro que pon forma parte do capital futuro da caixa privatizada. A consecuencia é que a sociedade en xeral non recibiría ningún tipo de compensación pola privatización da metade do sector financeiro do estado. Algo que chama a atención sobre a que intereses se estaba servindo nese momento. Posteriormente, sendo ministro Rodrigo Rato, apróbase no ano 2004 a Lei Financeira, da que cómpre salientar que é a que estaba e vigor cando comezan os problemas no sector financeiro -do que se deduce que veñen dados por esa propia Lei- e nela introdúcese, por vez primeira, a posibilidade de fusión das caixas con entidades doutros territorios, alén dunha regulación completa das cotas participativas. Abre mesmo a posibilidade de que os partícipes de cotas poidan fundar un mal chamado ‘sindicato’ para influír na xestión das entidades. Porén, no caso francés, o diñeiro que consigue o estado privatizando coas cotas participativas serve, en parte, por exemplo, para reforzar o sistema público de pensións, mentres que no británico non.

Segundo iso, o debate sobre fusións e privatización das caixas de aforro é anterior ao estoupido da crise económica.

Efectivamente, con esa lei séntanse os piares para a concentración e privatización das caixas de aforros que é no que se está hoxe. Agora aprovéitase a crise do sector financeiro e, en concreto, das caixas de aforros para promover esa concentración e privatización. É un debate auspiciado pola Asociación de Banca Española pero tamén pola propia Asociación Europea de Banca, un lobby de presión en Bruxelas que quere que se tomen medidas para privatizar as caixas de aforros do estado español. Estase denunciando que se está prohibindo á banca europea que entre no estado pola posición e fortaleza que teñen nos distintos territorios. Dentro dese redeseño mundial do sistema financeiro e das novas normativas dese sistema, as caixas de aforro teñen unha certa febleza porque é un sistema contable e normativo pensado para entidades privadas que as caixas de aforros teñen dificultades para cumprir, simplemente porque non teñen capital e é desexable que non o teñan. Se desde o Banco de España e desde o Ministerio de Economía, do goberno, se tivera defendido nos distintos cumios, como o G-20, que se abrira unha excepción para entidades como estas a situación sería diferente. Pero como o obxectivo é privatizalas nin se tocou. Canto á posíbel saída vía fusión das caixas galegas, o problema que se pode dar é que chegado o momento a UE non a autorice por ter unha posición predominante en gran parte do noso territorio, cun 50% do negocio do sistema financeiro galego, o que iría contra a lei de competencia, ou mesmo que obrigue a vender parte dos seus activos.

Aínda así o debate está aberto e un día se fala de fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, ao seguinte de buscar fusións con caixas de fora por separado e entre mentres o goberno galego permanece calado.

Estamos asistindo a unha loita de parcelas de poder e as cúpulas directivas de Caixa Galicia e Caixanova o que están discutindo é a súa continuidade e como seguen mandando. Canto á Xunta de Galiza, parece que non contaban con chegar ao poder e non tiñan nin planificación nin estratexia respecto do que facer coas caixas de aforro. Foi un problema que se atoparon e que non saben como resolver. En todo caso, repítese que depende do que diga Alberto Núñez Feijoo, como se fora unha decisión que ten que tomar el como Presidente, pero non é así. El podería e debería liderar un intento de consenso político, social e sindical arredor da medida que se tome sobre o futuro das entidades de aforro pero non está sentado nas asembleas xerais das entidades ou nos consellos de administración, que son as que teñen realmente capacidade de decisión. O que si pode e debería facer é modificar a lei de caixas, facer propostas e intentar que esas propostas sexan levadas adiante. Ademais, calquera medida que se adopte ten que  contar co máximo consenso posíbel para evitar que fracase porque a situación económica mundial é mala, a situación do mundo finnaceiro é moi difícil e calquera fusión, se xa de por si é complicada, nestas circunstancias moito máis. Ademais, deixar a decisión en mans dos actuais xestores destas entidades, que foron quen levaron ás caixas á situación actual sería un erro.

A preocupación esténdese tamén nos territorios de maior implantación de cada unha das caixas.

Acúsase de localismo a quen defende lexitimamente os intereses dos seus gobernados. É lóxico que desde a cidade de Vigo e da provincia de Pontevedra, en concreto, haxa unha preocupación sobre o futuro de Caixanova porque ao seu redor hai emprego directo, empresas auxiliares, unha obra social... e alí onde está a sede central xéranse unhas sinerxias e un tecido económico que ninguén se parou a analizar. Como ninguén analizou as consecuencias da desaparición das caixas rurais de Galiza para o agro ou o impacto que tivo a desaparición da Caixa Rural de Ourense e de Caixa Ourense. Non podemos esquecer, ademais que é o motor industrial de Galiza e que perda un instrumento financeiro o motor industrial de Galiza non pode ser acusado de localismo. Entendemos a súa peocupación. As caixas de aforros teñen que contribuír á cohesión social e territorial do lugar onde están implantadas. É certo que en cada unha das fusións, precisamente para evitar ese malestar nas zonas que perdían influenza estabelecéronse protocolos recollendo compromisos como a creación de fundacións, o mantemento de servizos sociais de apoio, pero tamén é certo que iso incumpríuse tanto por parte de Caixa Galicia como por Caixanova en cada unha das fusións.

A actual Lei de Caixas de Galiza, non condiciona posíbeis procesos de fusión ou  privatización?

A Lei de Caixas de Aforro galegas non entra no apartado financeiro, que é unha competencia do estado. Mesmo as competencias da Xunta están cedidas ao Banco de España e das 17 leis que hai de caixas de aforro a galega é unha lei de segunda, de mínimos que deixa liberdade total ás propias entidades.

Unha modificación da Lei de Caixas, como podería favorecer a ordenar esta situación?

Unha nova lei podería garantir a cohesión social  e territorial dentro do país e permitiría que Galiza blindara as súas competencias fronte as visións centralistas que se están impoñendo nos sistemas financeiros a nivel do estado español e ante posíbeis intentos de privatización. O propio Estatuto estabelece as caixas de aforros como competencia exclusiva do goberno autónomo, independentemente de que o Banco de España é incuestionábel e que se lle teñan transferido moitas competencias, aínda que cada vez pinta menos xa que as normativas son europeas. Non hai que esquecer que as Caixas de Aforros nacen, por unha banda, para favorecer a inclusión social dos sectores máis desfavorecidos nun momento no que a economía liberal e os bancos son uns usureiros, ou sexa, nun momento como o actual. Cando no ano 70 se redeseña o estado español redefínese o papel das caixas de aforros e estabelécese como competencia exclusiva das comunidades autónomas como é o caso galego. Redefínese o papel das caixas e o consenso é que as caixas veñan a ser unha banca local que poida contribuír ao desenvolvemento dos distintos territorios. Nese sentido pensamos que se dá unha rotura dese consenso porque se incumpren os dous papeis, o fundacional e o que se estabelece no estatuto de autonomía para ir a unha fusión entre territorios e cara a súa privatización. Ademais o seu funcionamento está totalmente bancarizado, pero a diferenza é que os bancos teñen accionistas e que cobran dividendos mentres nas caixas, até o de agora, non hai accionistas e unha parte dos beneficios veñen fixados por lei e teñen que retornar á sociedade vía obra social. Ao final que un banco vaia ou non ben non inflúe na sociedade, porén, que unha caixa vaia ben e dea beneficios si que inflúe. Se unha caixa de fóra absorbe unha caixa de aforros galega, non vai ter ningunha implicación co país, nin do punto de vista de emprego, nin se vai controlar a súa obra social, nin se van controlar os investimentos industriais, nin produtivos... Sería o que quixeramos chamarlle pero non sería unha caixa de aforros galega. Se ademais se dan pasos para privatizala, xa non sería nin caixa de aforros.

Ademais, a Xunta de Galiza ten capacidade para presionar as caixas para que apoien proxectos económicos que favorezan o desenvolvemento dos sectores produtivos de Galiza.

Si e historicamente así se fixo. Porén, se fora unha caixa de fóra non podería facelo. Cando hai problemas nun determinado sector mírase sempre para as caixas de aforros. Fíxose, por exemplo, cando se falou de que os estaleiros de Ferrol puideran ir á construción naval civil e hai sectores como o pesqueiro e empresas como Pescanova onde as caixas teñen un peso importante. Perder ese instrumento sería moi gravidade porque, sobre todo, perderiamos a capacidade de ser soberanos do punto de vista financeiro, algo que para calquera economía, é fundamental. Estámolo vendo na crise actual, a vitamina F, que é o financiamento, é imprescindíbel e sen ela a economía non funciona. Sería perder a escasa autonomía que temos en materia económica.

Que papel debería xogar a Xunta de Galiza en todo este debate?

Debe intentar o consenso e este debe derivar nunha modificación da actual lexislación que blinde as caixas galegas fronte a esas posíbeis absorcións por entidades foráneas. Outra cuestión é que nestes momentos o que están en xogo son intereses bastardos porque se está a discutir se manda máis Méndez ou Gayoso, o que xera moita incerteza. O diñeiro, gústenos ou non é moi conservador e cando hai incerteza marcha. Xa hai incerteza co problema da crise financeira, e agora estase xerando aínda máis porque que a estas alturas nos digan que as caixas de aforros aínda acaban de presentar un informe sobre a súa visión o que fai pensar é que se está retrasando unha toma de decisión, sen máis, porque nós sabemos que estes plans están preparados desde hai meses.

cig.prensa@galizacig.com