Dun día para outro perdestes o posto de traballo. Como ocorreu?
Begoña Iglesias: Convocouse o novo concurso para a concesión da xestión da exposición Galicia Dixital e díxosenos que podía saír a mesma empresa que estaba ou outra. Finalmente saíu outra. Pedíronnos os nomes de cada unha -hai un compañeiro- e os teléfonos, e dixéronnos que tiñamos que estar atentas, que nos ían chamar.
Mariluz Precedo: Isto foi unha semana antes de que soubésemos que ían pechar, algo que xa nos sorprendeu porque nunca ocorrera tal. De feito o que ten ocorrido é que se prorrogara a concesión coa empresa anterior, mesmo meses, até que se decidira a quen se lle outorgaba tras da convocatoria do novo concurso. Neste caso, sácase a concurso unha semana antes de que cambie a empresa que obtén a concesión. Inmediatamente comezamos a escoitar rumores de que a exposición vai pechar, pero aínda seguimos traballando até que vence o último día de contrato, que é o día 1 de maio. A única persoa que nos comunica que a exposición vai pechar é a coordinadora. Por parte da empresa non se nos di nada.
Begoña Iglesias: De feito houbo compañeiras que chamaron á Xunta e dixéronlles que non tiñan pensado contratarnos. Non entendiamos nada e foi cando comezamos a preocuparnos. Coincide ademais con que nos dan para asinar o finiquito, a liquidación, e nós negámonos. Tiñamos pensado asinar pero poñendo “Non conforme”. O problema é que o papel que nos dan xa di “conforme”, así que non asinamos.
Nos anteriores cambios de concesión dérase algunha situación semellante?
María Luz Precedo: Non, había unha continuidade. Cambiamos só unha vez de empresa. Ás veces seguía a mesma e desa volta cambiou, pero nós pasamos a traballar para esa nova. En canto colleu a concesión pasamos por alí para asinar os novos contratos.
En que consiste o voso traballo na exposición?
Begoña Iglesias: Eu estaba de sub-coordinadora. O meu traballo consistía en estar na entrada, encargábame da recepción de grupos, dos postos de traballo das azafatas...
Mariluz Precedo: Nos amosabámoslle á xente a exposición, explicando os contidos, poñendo as proxeccións... Era un percorrido duns 50 minutos acompañando a un grupo. Tiña que facerse de forma coordinada porque ás veces había varios grupos á vez e ese era parte do traballo de Begoña.
Tiñades todas acumulada experiencia?
Mariluz Precedo: Levabamos case todas os oito anos, desde o 2000 cando comezou a exposición. De feito cando viña xente nova para traballar, en vacacións ou baixas, poñiámonos en contacto con ela e aprendiámoslle en que consistía a exposición, que era o que había que explicar, como funcionar cos grupos... como facer os percorridos.
Que ocorre cos postos de traballo no momento no que cambia a concesionaria da exposición?
Mariluz Precedo: Pecha a exposición uns días, nove días, en concreto, porque reabriron o 10 de maio e, entre mentres, nós intentamos comunicarnos coa Xunta ou coa empresa, pero non se nos deu información. Logo fomos ao INEM. Durante ese período estivemos 10 días con vacacións retribuídas, porque había xente que non desfrutara delas e logo fomos ao paro.
E non se vos deu ningún tipo de explicación das razóns polas que non continuabades?
Begoña Iglesias: Chamamos á Dirección Xeral, á persoa que levaba o tema do concurso e que se tiña posto en contacto connosco moitas veces, porque era quen pasaba pola exposición, levábanos uniformes, pero o único que nos explicou foi que o sentía moito pero que cambiaban de empresa e que non nos podía dicir nada, que xa nos chamaría a nova empresa se nos chamaba.
Aí sodes conscientes de que non vos van chamar.
Begoña Iglesias: Si, de feito fomos alí co uniforme, porque nós non sabiamos exactamente cando abría, entón iamos todos os días pola mañá co uniforme ao noso posto de traballo. As dez e media estabamos alí e o día que abriu xa vimos que había persoal novo. A nosa disposición era poñernos a traballar en canto abrise. Aí fomos conscientes de que, simplemente, non nos querían alí, que se prescindía de todas nós agás a coordinadora que foi a única que continuou.
Comezan aí as mobilizacións?
Begoña Iglesias: Xa pasaramos pola CIG con anterioridade para comentar todo o que estaba ocorrendo e xa acordaramos ese día contar co apoio dos compañeiros da federación de Servizos, que de feito nos acompañaron. Soubemos que abrira a exposición por unha mensaxe que remitiu a coordinadora a unha das compañeiras. Ese día alí nos presentamos novamente cos uniformes para poñernos a traballar.
Pódese considerar esa a primeira mobilización?
Mariluz Precedo: O noso representante sindical intentou dialogar coa empresa pero esta comezou a dar largas. A única explicación que deron foi que tiñamos que facer unha entrevista, pero tamén insinuaron que eramos conflitivas.
Begoña Iglesias: Dicían que eramos conflitivas e que en todo caso xa nos chamaría para facer entrevista... Por unha banda insinuaban que ían seleccionar persoal pero pola outra, xa había moito persoal traballando, mesmo compañeiras nosas de substitución. Ademais, que entrevista nos ían facer? O caso é que as mobilizacións comezan ese día, tras do intento de diálogo que non deu para nada. Porén, aínda lle demos 48 horas para que a empresa nos respondese e ver se nos collían. Pero a empresa non deu ningunha resposta. E así comezamos a mobilizarnos diante do centro de traballo, da exposición, na entrada.
Como avaliades esas mobilizacións durante tanto tempo?
Mariluz Precedo: Eu era a primeira vez que me mobilizaba, ao igual que outras compañeiras, e houbo quen se chegou a emocionar. Despois colles moitas forzas e cres que si que che van facer caso e loitas porque cres na verdade pero cando se prolonga tanto tempo, ao final case non podes máis. Eu pensaba que non me ía minar tanto, pero o certo é que si, sobre todo nestes últimos días.
Begoña Iglesias: Estás todos os días nun sitio ou noutro e sabes que quen tiña que sabes o que está ocorrendo xa o sabe e paréceche tan inxusto... Pero se non nos chegamos a mobilizar hoxe non estariamos readmitidas. Ademais tivemos que agradecerlles aos compañeiros da CIG, a Manolo, a Aitor, a Roberto, a todos, o seu apoio constante, porque estiveron connosco todos os días, dando ánimos e facilitando que seguísemos adiante.
Quen credes que é responsábel, a empresa ou a administración?
Begoña Iglesias: A responsabilidade é da administración. A empresa é quen dá a cara. Non sei a que lle tiñan medo, porque o que contaba o director non tiña nin pés nin cabeza, dicindo que queriamos ser funcionarias, cando nós sabiamos que estabamos a través dunha empresa privada e que para ser funcionarios hai que pasar un exame e non sei porque tiñan metido iso na cabeza. A actitude do director, sinceramente, chama moitísimo a atención. As nosas condicións era completamente distintas ás dos funcionarios; nós traballabamos domingos, festivos, sen ningunha compensación a cambio, sen días de libranza e nin sequera pagados... Por sorte fomos mellorando esas condicións desde que escollemos delegado sindical.
Mariluz Precedo: Esa situación, que soportamos durante anos, viña de atrás. A administración sabía perfectamente cales eran as nosas condicións pero permanecía calada.
E se cadra dicían que erades conflitivas por reclamardes melloras nas vosas condicións laborais?
Mariluz Precedo: Seguro que viña por aí. De feito a administración é responsábel porque lle permitía á empresa volver contratar a xente en condicións precarias, sen ter en conta as melloras que nos conseguíramos, con menor salario, sen saber sequera o do cuadrante... e non ían reclamar nada, polo menos durante un tempo. Iso é o que buscaba a empresa e a administración sabíao. Por que a administración non nos apoiou? Pois seguramente porque chegou un momento no que decidimos non aturar máis esas malas condicións e exiximos os nosos dereitos no que se refire a vacacións, a festivos, a libranzas...