23/2/2010
Durante a protesta, convocada pola CIG, os traballadores/as cortaron o tráfico no Polígono de Agrela
O persoal de Sykes Enterprises desenvolveu na xornada deste martes dous novos paros e concentracións, convocados pola CIG e secundados polo Comité de empresa, en contra dos despedimentos que a multinacional do telemarketing pretende levar adiante, concretados agora coa presentación dun ERE que afectará a 221 traballadores/as en A Coruña e 38 en Lugo. Os traballadores/as e traballadoras concentráronse ás portas do edificio de Sykes entre ás 10 e ás 10:30 horas e das 18 ás 18:30 horas, desenvolvendo ademais dous cortes de tráfico que dificultaron a circulación nunha das rúas principais do polígono de Agrela.
22/2/2010
HP, actual propietaria da filial de Caixa Galicia, comunicou ao persoal que aplicará o convenio do telémarketing en lugar do de oficinas
O Comité de empresa da antiga CxG Gestión Operativa e delegados e delegadas da CIG concentráronse novamente na mañá deste luns diante da oficina principal de Caixa Galicia en A Coruña para reclamar á entidade e a HP (actual propietaria de CxG) que respecten as condicións laborais dos traballadores/as, logo do anuncio da multinacional de que aplicará ao persoal ao convenio de telemárketing en canto remate a vixencia do actual convenio de oficinas e despachos. Isto significará un descenso considerábel nas condicións laborais dos máis de cen empregados/as, moitos dos/as que levan na empresa máis de 20 anos, así como a conxelación dos seus salarios.
17/2/2010
Solicitan que se reconsidere a medida e que se repoña o número de horas que viña realizando o persoal da limpeza
O Comité de Empresa da provincia de Pontevedra do BBVA acordou na súa reunión do mes de xaneiro dirixir ao Departamento de Recursos Humanos unha carta amosando o seu rexeitamento á medida adoptada polo banco de reducir o tempo adicado polo persoal da limpeza ao seu labor nas oficinas.
17/2/2010
A empresa pretende despedir a 300 traballadores/as do centro de Agrela
Os traballadores e traballadoras de Sykes Enterprises secundaron o pasado luns 15 de febreiro unha nova xornada de paros e concentracións, convocada pola CIG. As protestas, que dan continuidade ás mobilizacións iniciadas a pasada semana, desenvolvéronse nas dúas quendas de traballo en contra das pretensións da empresa de despedir a 300 persoas e contra a deslocalización do centro de traballo.
15/2/2010
Anuncian que haberá máis mobilizacións na defensa dos postos de traballo
O luns 15 de febreiro estaba convocada unha xornada de folga na empresa de telemárketing de Bosch, diante da posíbel perda de 891 postos de traballo pola ameaza da deslocalización do traballo dependente de Vodafone, que levaría todos os seus servizos a América Latina. A AEPD (Axencia Estatal de Protección de Datos) dependente do Ministerio de Xustiza, dirixido por Francisco Camaño, autorizou a Vodafone a transferencia de datos a Perú, Colombia e Chile. Denuncian a pasividade da empresa diante desta situación, asi como os despedimentos que xa comezaron e a salientábel redución de xornada, que xa afecta a 90 persoas que só están a traballar catro horas diarias.
15/2/2010
Solicitou un posicionamento contra a deslocalización de Vodafone, que só foi apoiado pola CGT
A federación de Banca da CIG pediu, o pasado venres día 12 de febreiro, na xuntanza da Mesa Negociadora do II convenio de Contact Center (antes telemarketing), unha suba lineal de 540 euros e que se cumpra a pactada no anterior convenio, do 2,25%, incluíndo unha cláusula que non obrigue aos traballadores/as do sector a devolver diñeiro se a sentenza do Tribunal Supremo fose favorábel ás empresas. Alén diso, denunciou a outros sindicatos que “protestaron” polo impago e agora piden subas do 1% para este ano, mentres que nas súas plataformas volven ligar o salario ao IPC.
12/2/2010
Haberá concentración ás 12.15 en Maria Berdiales
Haberá unha concentración nesta xornada de folga ás 12.15 diante do centro de traballo de Bosch en Maria Berdiales. Esta xornada de folga convocase diante da posíbel perda de 1.300 postos de traballo por mor da deslocalización desta empresa. Desde a sección sindical da CIG en Bosch denuncian as presións da empresa e mesmo a pretensión de establecer uns servizos mínimos do 50%.