Queremos Galego anuncia unha mobilización xeral de todo o ensino se a Xunta non recúa na súa intención de derrogar o decreto 124
Organizacións representativas dos diferentes sectores da comunidade
educativa galega, inseridas na plataforma cidadá Queremos Galego,
expuxeron esta mañá en conferencia de imprensa a súa posición conxunta
a respecto do “clima de incerteza” que se respira nas aulas perante a
previsíbel derrogación do decreto 124/07 de uso e promoción do galego
no ensino, que mantén a súa vixencia durante o presente curso escolar,
e a súa tamén previsíbel substitución por un novo texto. Este, segundo
denunciaron, suporía “o primeiro retroceso legal en 30 anos de período
autonómico e presenza legal do galego no ensino”.
Se ben a
convocatoria das medidas reivindicativas concretas será protagonizada
polas diferentes organizacións do ensino, estas serán vehiculizadas
tamén desde a propia estrutura de Queremos Galego, xa que como foi
sinalado “a derrogación do actual decreto non constitúe só un ataque ao
sistema educativo, senón que afecta a toda a sociedade no seu
conxunto”.
As organizacións que subscriben o posicionamento
conxunto manifestaron a súa “preocupación” polo que entenden como “un
exercicio de total insubmisión” da Consellaría de Educación a respecto
da súa propia lexislación vixente. “Non é só que non garantan o pleno
cumprimento do decreto 124/07, que é de aplicación durante o presente
curso escolar, senón que cada declaración pública acaba por se
converter nun convite expreso á desobediencia”, sinalaron.
Neste
sentido, denunciaron que a situación actual continúa a ser “de
xeneralizado incumprimento do decreto en vigor” e que alí onde si se
aplica é exclusivamente grazas “ao esforzo e compromiso, moitas veces
mesmo persoal, da comunidade educativa”. Así, continúan a reclamar
medios e recursos, “en moitos casos inexistentes”, e recoñecemento e
formación axeitados para o profesorado.
Perante a cuestión da
data na que sexa dado a coñecer o borrador do borrador, desde Queremos
Galego manifestaron agardar que a Consellaría “non caia na tentación”
de dalo a coñecer xusto antes da ponte da vindeira fin de semana, antes
ou mesmo durante as vacacións do nadal “co obxectivo de tentar
desactivar calquera resposta social”. Segundo indicou Anxo Louzao,
secretario nacional da CIG-Ensino, “sería boa mostra do talante
prepotente e antidemocrático de quen despreza a opinión da comunidade
educativa e da sociedade”.