Os orzamentos de Galiza para o ano 2010 contemplan un cativo aumento salarial do 0,3% para as e os empregados públicos. Un incremento que, na práctica, supón unha nova conxelación dos seus salarios e que vén engrosar a importante perda de poder adquisitivo acumulada nos últimos anos, que supera o 42%.
Diante desta situación, as federacións da área pública da CIG levan meses mobilizándose para exixir do goberno de Núñez Feijoo que nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2010 se contemplen as partidas necesarias para asumir e cumprir os acordos retributivos que estaban asinados e que o goberno decidiu conxelar sine die. Demandas que non foron contempladas ao aprobarse os orzamentos definitivamente sen incluír ningunha das súas demandas.














