As organizacións sindicais abandonan a Mesa Sectorial ante a negativa de Educación a negociar a proposta de Decreto
A CIG-Ensino xunto con outras organizacións sindicais que representan, no seu conxunto, o 89% do profesorado abandonaron esta mañá a Mesa Sectorial Docente diante da negativa da Consellaría a negociar a súa proposta de Decreto. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, manifestou, na rolda de prensa conxunta posterior á Mesa, que a consellaría deu mostras de que non tiña intención de negociar e que a Mesa Sectorial convocada era unha “absoluta farsa”. A CIG-Ensino adiantou ademais que non desbota a posibilidade de volver convocar unha folga no Ensino.