A Plataforma Cidadá Queremos Galego presentou esta mañá en conferencia de imprensa a campaña gráfica coa que chamará a toda a sociedade galega a unha nova manifestación nacional en defensa da nosa lingua propia o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.
“O Galego, o noso existir” é o lema escollido para unha mobilización “que non hai dúbidas de que será de novo histórica polas súas dimensións”, asegurou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e un dos portavoces de Queremos Galego, Carlos Callón.
A campaña gráfica que nos próximos días chegará a todas as comarcas do país xogará con dúas imaxes: a dunha bola de pan e a dun corazón; a primeira, simboliza “a lingua como sustento, como algo que vincula directamente a existencia material do noso pobo”; a segunda, da mesma maneira que o propio nome da plataforma cidadá “o amor pola nosa cultura e a demanda da súa presenza, para que acade plena normalidade no espazo que lle é propio”. “Quen cre nas potencialidades de Galiza, defende a identidade do país e defende a lingua”, asegurou.
A manifestación do próximo 17 de maio partirá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro, que Queremos Galego confía en ateigar de novo, como xa acontecera na masiva manifestación contra o decretazo no ensino do pasado 21 de xaneiro.