A CIG-Ensino valora a participación na folga convocada en demanda da retirada das bases do decreto do plurilingüismo como un éxito rotundo, xa que en todos os centros as aulas estaban maioritariamente baleiras de alumnado. Desde a CIG-Ensino emprazamos ao Presidente Feijoo e ao conselleiro de Educación a tomar boa nota e recoñecer que o ensino galego rexeita esta proposta de bases, por ser un ataque sen precedentes ao noso idioma.
O día 19 o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e Marta Dacosta, responsábel de Normalización na CIG-Ensino, acudiron á entrevista convocada polo Conselleiro de Educación; unha convocatoria feita a mantenta para restar proxección nos medios ás declaracións da organización sindical. A CIG considera absolutamente inaceptábel que, a horas da realización da folga do 21 de xaneiro, a organización sindical maioritaria no ensino e convocante da folga sexa recibida en último lugar, o que vén ser unha nova burla ao profesorado. Por outro lado, a CIG comprobou que esta entrevista só pretendía ser unha xustificación diante da sociedade, pois a Consellaría pretende continuar coa súa cruzada contra o galego.
Os orzamentos de Galiza para o ano 2010 contemplan un cativo aumento salarial do 0,3% para as e os empregados públicos. Un incremento que, na práctica, supón unha nova conxelación dos seus salarios e que vén engrosar a importante perda de poder adquisitivo acumulada nos últimos anos, que supera o 42%.
Diante desta situación, as federacións da área pública da CIG levan meses mobilizándose para exixir do goberno de Núñez Feijoo que nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2010 se contemplen as partidas necesarias para asumir e cumprir os acordos retributivos que estaban asinados e que o goberno decidiu conxelar sine die. Demandas que non foron contempladas ao aprobarse os orzamentos definitivamente sen incluír ningunha das súas demandas.
A CIG valora moi positivamente a participación das traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na folga e na manifestación convocadas no día de hoxe. Mobilizacións coas que se reclama a aplicación do convenio, partidas orzamentarias para manter os servizos e os postos de traballo e o cumprimento das condicións laborais pactadas, nomeadamente no referido a xornada e a suba salarial, a celebración das oposicións aprobadas, a resolución das irregularidades que se están a producir e que se garanta o seu carácter público.