O pasado día 6 de decembro, unha manifestación soberanista recorría as rúas de Vigo reivindicando o dereito a autodeterminación para Galiza. Rematada a mesma, unha vez cantado o himno Galego, foi queimada unha fotografía de Juan Carlos de Borbón.
Catro persoas foron citadas como imputadas por un xuíz da Audiencia Nacional de Madrid, que tras tomarlles declaración decidiu imputarlles un delito de “inxurias graves á familia real”. Do mesmo xeito as persoas asinantes da convocatoria tamén foron sancionadas con 600 euros cada unha por “non manter a orde”.
Se isto non fora suficiente outras sete persoas foron citadas ao xulgado este mércores 27 de xaneiro por mor dunha suposta “agresión” a un axente de policía na concentración que se celebrou o mesmo día 6 de decembro para esixir a posta en liberdade de catro persoas detidas pola mañá.
Solidariedade e defensa da liberdade de expresión
Pois ben, a Dirección Comarcal da CIG-Vigo “solidarízase con todas elas, e entende deben arquivarse as actuacións xudiciais”, pois entende que “o acontecido non foi outra cousa que un exercicio de liberdade de expresión e de opinión, e que polo tanto non debe ter ningún tipo de consecuencia penal ou administrativa”.
No que atinxe as persoas convocantes, “entendemos que dado que a manifestación atopábase xa rematada, ás súas sancións non poden ser interpretadas máis que como unha actuación represiva que trata unha vez máis de criminalizar o nacionalismo galego en xeral e o movemento soberanista en particular”.
A Dirección Comarcal da CIG-Vigo esixe da Subdelegación de Goberno de Pontevedra que deixe sen efecto as sancións e proceda a arquivar o expediente administrativo.
“Entendemos, para rematar, que en calquera estado que se defina como moderno e democrático, a acción de condenar a alguén pola queima dunha fotografía non pode ser interpretada máis que como un anacronismo inquisidor e represivo”, sinalan desde a Dirección Comarcal de CIG de Vigo.