Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 1/10/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG denuncia que A Nosa Terra pode ser o primeiro medio galego en despedir coa nova reforma laboral

Os traballadores/as do semanario afectados por un ERE ocuparon as oficinas do Grupo San José en Pontevedra
A CIG denuncia que A Nosa Terra pretende acollerse á nova reforma laboral para despedir os traballadoras e traballadoras do semanario sobre os que pesa un Expediente de Regulación de Emprego. Uns 15 empregados/as do semanario nacionalista realizaron hoxe un paro de tres horas en sinal de protesta e ocuparon as oficinas do Grupo San José en Pontevedra, onde estiveron acompañados por representantes da central.

A proposta presentada polos avogados da administración concursal e os de Cuatrecasas -un dos bufetes máis caros do Estado español e que foi contratado pola empresa para levar o proceso- contempla o despedimento de 24 traballadores/as e deixar só catro empregados/as, dos cales dous serían xefes. Aos despedidos abonaríaselles a indemnización que fixa a nova reforma laboral que tanta contestación está a ter na rúa polo que supón de ataque aos dereitos laborais. Deste xeito, os afectados só recibirían 20 días por ano traballado.

Os empregados/as de A Nosa Terra están a desenvolver un calendario de mobilizacións para rexeitar o ERE presentado pola empresa e denunciar a actitude do seu presidente, Alfonso Eiré. Critican que non se lles facilite información sobre o proceso e non se teña poresentado o plan de viabilidade que se lle reclamou en numerosas ocasións. As protestas comezaron nun primeiro lugar diante da sede do propio xornal -que xa non se publica en papel e conta só con versión dixital- na rúa Príncipe de Vigo. Pero hoxe levaron a cabo un primeiro paro de tres horas, que aproveitaron para achegarse até Pontevedra e ocupar as oficinas do Grupo San José. A construtora dirixida polo empresario Jacinto Rey segue a ser propietaria da maioría das accións da empresa editora do semanario, Promocións Culturais Galegas, a través da súa filial Udra Medios. E isto a pesar de que nos últimos tempos trataron de desvincularse empresarialmente.

Os traballadores/as iniciaron a concentración arredor das 11 da mañá diante da sede de San José na rúa Rosalía de Castro de Pontevedra, onde despregaron unha faixa na que se podía ler “Na defensa dos postos de traballo no semanario A Nosa Terra”. A continuación entraron nas dependencias da construtora, onde o secretario nacional da federación de Químicas da CIG, Alberto Gonçalves, se dirixou aos responsábeis do centro explicándolle os motivos da ocupación. Permaneceron no seu interior uns 45 minutos sen que rexitrase ningún tipo de incidente.

Gonçalves sinala a dirección de A Nosa Terra como culpábel da desaparición en papel do semanario e da situación na que se atopan os empregados/as, con salarios e liquidacións pendentes de cobro e sen coñecer o seu futuro laboral. Gonçalves amósase crítico coa política de axudas aos medios en galego da Xunta -argumento que esgrime Eiré para explicar a situación- pero considera que foi unha mala xestión o que levou a empresa editora a ter que presentar o ERE.

O paro convocado para o venres permaneceu efectivo entre as 10.00 e as 13.00 horas.

Nos vindeiros días está previsto continuar coas mobilizacións e coas denuncias sobre a responsibilidade da dirección na marcha da empresa.

 

Máis información no blog da Asemblea de Traballadores http://antasemblea.wordpress.com/

cig.prensa@galizacig.com