1º. A CIG, como sindicato nacionalista non pode asumir que, a maiores dos recortes previstos na rede comercial, as caixas pretendan recortar 470 postos de traballo na Coruña e Vigo (algo que se coñecía dende o principio), e non estean dispostas a asumir un compromiso de non aproveitar a ocasión para externalizar servizos subcontratando con terceiras empresas, o que ocasionaría que a carga de traballo que actualmente realizaban traballadores e traballadoras de servizos centrais na Coruña e Vigo, poda rematar fóra de Galiza. O sindicato manifesta que a negativa das caixas a asumir este compromiso “non deixa de ser unha afirmación da súa vontade oculta”. Considera que é “un feito gravísimo ante o que a Xunta de Galiza non pode gardar silencio”. Destacan que o que está sucedendo cos Servizos Centrais do Banco Gallego, empresa participada por Caixanova, non deixa de ser un motivo de alarma.
2º. Como sindicato de clase, afirma que existía un compromiso verbal para incluír unha cláusula de garantía para o persoal da Obra Social, da Fundación, das Empresas auxiliares e Empresas de servizos. Centos de postos de traballo veranse afectados pola fusión, sen que exista ningún tipo de garantía de que o proceso sexa non traumático e negociado.
3º. Xa por último, e dende unha óptica estritamente laboral, a CIG celebrou nos últimos días asembleas de persoal da dúas entidades nas que os traballadores e traballadoras transmitiron a súa visión sobre o proceso. Había pactadas máis asembleas conxuntas en Ferrol, Santiago, A Coruña, Lugo e Pontevedra, pero a sinatura deste acordo frustra este proceso de dar a oportunidade da participación dos traballadores e das traballadoras, nun proceso que afectará a todo o cadro de persoal. Se ben é certo que as caixas asumiron algunha das garantías propostas pola CIG e polas asembleas, NON foron todas, e nese sentido, a Central Sindical pensa que “a negociación remata cando aínda quedaba camiño por andar”.
A CIG, por responsabilidade sindical, estivo ata o último momento traballando para conseguir un bo acordo, e seguirá actuando coa mesma responsabilidade tomando o tempo que necesite para decidir a posición definitiva a respecto do acordo proposto.