Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O goberno do PP pretende introducir o copago nas mamografías de control

Pobreza e desigualdade con rostro de muller
A CIG-Saúde xunto coa secretaría da Muller denuncian a pretensión do PP de introducir o copago nas mamografías de control. A decisión farase pública despois da celebración das eleccións en Galiza e Euskal Herria que é cando, segundo anunciou a propia ministra de Sanidade, Ana Mato, se confirmará se o cribado do cancro de mama (mamografías), seguirá formando parte da carteira básica de prestacións sanitarias ou se, pola contra, as mulleres terán que pagar pola realización desta proba diagnóstica, solicitada por un/unha facultativo/a ante a sospeita dun cancro.

No ano 2009, o Ministerio de Sanidade publicou o documento “Estratexia no Cancro do Sistema Nacional de Saúde”, que foi aprobado por unanimidade no Consello Interterritorial do SNS e que recollía entre os seus obxectivos avanzar na prevención coa detección precoz do cancro de mama estabelecendo un programa no que se prevía a realización de mamografías, cun intervalo entre exploracións de dous anos, a mulleres de entre 50 e 69 anos.

O Comité Técnico que elaborou este documento estaba formado por representantes das sociedades científicas e profesionais de recoñecido prestixio como persoas expertas na materia. Entre as 14 asociacións profesionais integrantes deste comité estaban as de Oncoloxía Médica, de Epidemioloxía, de Enfermería Oncolóxica, de Oncoloxía Radioterápica e de medicina Familiar e Comunitaria.

Tanto o persoal médico como especialistas en oncoloxía  aseguran que o 80% dos cancros melloran cun diagnóstico precoz. Porén, a CIG denuncia que este goberno vaise encargar de que a súa prevención estea en función da renda económica das mulleres. “Se tes cartos poderás pagar as mamografías, senón, esperarás un diagnóstico tardío”.

A isto, a CIG alerta de que o tratamento tamén está en cuestión e que dependerá de se tes dereito ou non a recibir asistencia sanitaria. “As desigualdades sociais que están a fomentar as políticas neoliberais levadas a cabo polo goberno do PP tanto en Galiza como no resto do Estado, teñen como consecuencia que a pobreza e as desigualdades sociais teñan cada día máis rostro feminino”, afirman tanto desde a secretaría da Muller como desde CIG-Saúde.

cig.prensa@galizacig.com