Mañá martes, ás 22:00 horas, as centrais sindicais teñen convocadas asembleas nas estacións de Ferrol, Compostela e A Coruña, nas que os traballadores e traballadoras do sector decidirán se ratifican ou non a decisión dos/as delegados/as.
A folga, prevista para os días 4, 5, 10, 11 e con carácter indefinida a partir do 15 de outubro, fora convocada diante das pretensións da patronal de eliminar, na práctica, a aplicación do convenio colectivo provincial, ocasionando unha rebaixa radical das condicións laborais e salariais do persoal.
O empresariado de transporte de viaxeiros/as quería eliminar a antigüidade, a hora de xantar, a dispoñibilidade máxima de doce horas ao día, a banda horaria das dietas e todas aquelas melloras recollidas no convenio en materia de xornada. Ademais, a patronal daba de prazo até a semana santa para negociar o novo convenio colectivo, xa que o presente ten vixencia até 31 de decembro deste ano.
Porén, tras coñecer a convocatoria das folgas, durante a última reunión celebrada entre as dúas partes, a patronal pediu a conxelación salarial, pero retirou todas as propostas relativas á modificación do texto do convenio e ampliou a ultraactividade do mesmo durante tres anos. Hai que lembrar que por mor da regresiva reforma laboral do PP, a ultraactividade dos convenios está agora limitada a un só ano.
Dende a CIG lémbrase que o sector de transportes de viaxeiros/as a diferenza doutros sectores, tense recuperado nos últimos tempos e está rexistrando unha suba continuada do número de usuarios/as.