Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 1/12/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A sección sindical da CIG denuncia que Alcoa incumpre as medidas de seguridade en Electrólises por falta de persoal

Denuncian que unha práctica habitual na factoría é xogar ao descoido para que nos días que hai carencia de persoal se salten as normas de seguridade na realización dos traballos
A sección sindical da CIG en Alcoa vén de denunciar publicamente que a multinacional incumpre as medidas de seguridade laboral na área de Electrólise por falta de persoal. A central hai tempo que advirte dos problemas derivados de axustar o cadro de traballadores/as ao mínimo. Por iso, pedíronlle ao conxunto dos traballadores e traballadoras da fábrica que extremen as medidas de prevención e reclaman á empresa que cubra todas as necesidades de persoal que existan.

Os delegados/as da CIG explican que se incumpren procedementos coma o de adición manual de fluoruro ás cubas electrolíticas. Este é un produto altamente perigoso para a saúde e debe de repartirse entre dúas persoas. Neste caso, critican, a empresa coacciona ao operario para que realice a tarefa en solitario.

Ademais, estanse ignorando as medidas de seguridade relativas ao uso de equipos móbiles (Carretillas elevadoras), xa que ao realizar unha soa persoa o traballo programando para dous operarios/as non apaga a máquina nin baixa as unllas elevadoras cada vez que ten que descargar un saco de fluoruro.

Outro dos incumprimentos realizados é o de limpar soprando con aire comprimido as naves e as cubas. Este procedemento de limpeza está estritamente prohibido pois pon en suspensión no aire todos os produtos químicos derramados. Produtos a maioría deles canceríxenos.

“É xa un eterno compromiso da RD, con máis de 15 anos de antigüidade, o de solucionar o método de limpeza buscando unhas aspiradoras adecuadas. Aspiradoras das que aínda se está a espera”, lamentan. O problema é grave, aclaran, pois incluso hai mandos que diante da carencia de persoal e da negativa dos traballadores/as a incumprir as normas chegan a realizar eles mesmos certos traballos poñendo en perigo a súa seguridade, a dos demais e a das propias instalacións.

Dende a CIG téñense denunciado estes incumprimentos internamente na factoría sen obter resposta satisfactoria que solucione o problema. Diante destas imprudencias repetidas por parte da Dirección, a Sección Sindical quere facer denuncia pública da situación e pedirlles aos traballadores/as que, en contra do que Alcoa inculca, cando existe carencia de persoal é cando máis se deben de extremar as medidas de prevención.

cig.prensa@galizacig.com