A empresa, explican dende a Sección Sindical da CIG, pretende reducir o cadro de persoal e liquidar as condicións laborais do Emprego en Telefónica, a pesar dos “escandalosos beneficios declarados, e ademais facéndoo ás costas dos traballadores/as coa colaboración de CCOO. e UGT, mediante unhas mesas de ocultación permanente da negociación”. Mesas nas que, apuntan, preténdese modificar substancialmente a Clasificación Profesional, a Ordenación do tempo de traballo, o concepto de antigüidade, a mobilidade xeográfica e, en definitiva, a expectativa dos traballadores/as de rematar a vida laboral na empresa.
Os/as traballadores/as reclamaron a negociación de un novo Convenio Colectivo, aberto a participación de todo o cadro de persoal, no que se melloren as condicións laborais e se incremente o emprego, nunha das poucas empresas chamadas a aproveitar e avanzar os seus resultados económicos no actual escenario de crise. No canto disto, a empresa pretende externalizar traballo para as contratas e precarizar as relacións laborais, ademais de desterritorializar o emprego.
Neste contexto, a sección sindical da CIG-Telefónica da provincia de Pontevedra fixo un chamamento á mobilización unitaria dos traballadores/as de Telefónica en defensa do Emprego na empresa, especialmente na Galiza, onde está en redución constante, con un cadro de persoal moi por debaixo da que lle corresponde polo peso económico e demográfico que ten o noso país na economía do Estado.