EMENDA Á TOTALIDADE QUE PRESENTAN OS CONSELLEIROS DO GRUPO PRIMEIRO LUÍS BURGOS E IÑAKI ZABALETA Á PROPOSTA DE DITAME SOBRE O ANTEPROXECTO DE LEI DE ECONOMÍA SOSTÍBEL (LES)
O CES considera que liderar o cambio cara unha economía sostíbel require por parte do Goberno do Estado dun programa de reformas estruturais capaces de orientar, no marco competencial adecuado, as accións de todas as Administracións Públicas nesa dirección. E iso exixe, antes de adoptar un plano de intervención legal como o anteproxecto da LES que se nos somete a dicatme, tanto un debate social e poolítico profundo, como a participación e o compromiso das administracións públicas implicadas.
Sen ese labor previo, a futura LES, que crea obrigas novas para as CCAA sen a súa participación, pode lastrar o necesario percorrido cara o cambio económico e social que exixe a sostibilidade e frustra o obxectivo de estabelecer un marco de saída á actual crise económica.
Este anteproxecto, máis alá do seu oportunismo político, foi cualificado desde diferentes puntos de vista e desde diversas organizacións presentes no CES como parcial e incoherente, ao estilo dunha lei ómnibus na que se incorporan aquelas cuestións que o executivo pretende impulsar, algunha que se regulamentan detalladamente e outras de forma moi xenérica ou meramente enunciativa, pero carentes todas elas de visión de conxunto, o que fai sumamente difícil de comprender o sentido dos cambios que se pretenden e a súa conexión coa estratexia de desenvolvemento sostíbel.
En relación con isto, ben pode dicirse que o Anteproxecto de Lei de Economía Sostíbel é máis relevante polas súas carencias que polo seu contido.
O obxectivo da Lei, como sinala o seu propio título e o seu artigo 1º, está centrado fundamentalmente na economía e aínda así bótase en falta, en aras da sostibilidade económica, unha reconsideración do sistema tributario para recuperar a progresividade, reducir figuras excepcionais para as grandes fortunas e empresas financeiras e especulativas, mellorar a estrutura e tipos do IVE para favorecer os produtos agro-alimentarios e pesqueiros, desenvolver a fiscalidade verde e potenciar as actividades produtivas que teñen efectos medioambientais positivos, etc. E é que a débil distribución social da renda e as desigualdades crecentes están na raíz da crise e fronte a isto, non se pode actuar con medidas circunstanciais como as que se contemplan no anteproxecto, renegando da política fiscal como instrumento para reformar o modelo de acumulación e crecemento. Son necesarios cambios na fiscalidade, co obxectivo de aumentar a presión fiscal e con iso a recadación. E así, utilizando a fiscalidade como ferramenta de distribución da riqueza, baixo os parámetros da progresividade, crear un sistema fiscal máis solidario e que destine os recursos ao gasto social.
En referencia aos mercados financeiros, o realmente importante é o que se vai facer fora desta lei ou o que non se vai facer. Por exemplo, a reforma das Caixas de Aforro cara un modelo de grandes dimensións, malia a crise actual amosar o risco dun exceso de concentración financeira, vai provocar múltiples conflitos de competencia coas CCAA. Alén diso, se non se vai regulamentar nada sobre paraísos fiscais, a evasión de capitais e a enxeñería financeira ou sobre as necesarias limitacións ao fluxo de capitais dificilmente se vai reorientar o negocio bancario e o investimento cara a economía produtiva, nomeadamente cara as pequenas empresas, que levan padecendo un notable racionamento do crédito desde hai moitos anos, independentemente da crise actual. Se o ICO vai seguir xogando o mesmo papel e non se lle dota dunha rede propia para poder levar adiante unha política de crédito público de verdade, compatíbel cos Institutos de Crédito e investimento autonómicos, seguiremos na mesma situación. As entidades financeiras seguirán aproveitando a globalización capitalista para orientar a súa actividade a mercados interbancarios e con maior liquidez, realimentando así o círculo vicioso que obstaculiza o desenvolvemento económico. E as pequenas e medianas empresas seguirán tendo enormes dificultades para formular proxectos de investimento rigorosos e viábeis sen o apoio dunha estrutura próxima e solvente de asesoramento e de impulso de actividades produtivas. Por outra banda, as enormes desigualdades existentes entre clases sociais, agrávanse polo desestabilizador papel que xogan os actuais mercados financeiros, que en si mesmos, resultan ser causas de inestabilidade persistente. Por iso é imprescindíbel unha regulación deses mercados, que o anteproxecto non aborda en absoluto, deixando a quen causou a crise seguir actuando da mesma forma, co que nin sequera se pretende prever unha repetición futura das mesmas circunstancias.
A LES inclúe algunhas medidas que se poden cualificar como ambientais, pero o problema da insostibilidade non se reduce á loita contra o cambio climático e o consumo enerxético, aínda que sexa moi necesaria e requira de medidas efectivas, que tampouco se contemplan. O anteproxecto carece dunha concepción global sobre a aplicación de políticas de protección e mellora dos ecosistemas naturais, non se prantexa o problema de perda de biodiversidade nin se ofrecen solucións á destrución dos valores territoriais e paisaxísticos, nin a proliferación no mercado de substancias contaminantes, nin a diminución radical da xeración de residuos e da súa adecuada xestión... Non se contempla directriz algunha canto á ordenación territorial necesaria para o desenvolvemento axeitado, tanto no ámbito das áreas urbanas como no rural, en base ao aproveitamento sustentábel dos múltiples recursos do agro. “Como tantas outras veces as políticas estatais esquecen o mar, onde é necesaria unha nova estratexia para o litoral pero tamén para o aproveitamento (produción de alimentos, ocio, transporte) das potencialidades marítimas”
A LES tampouco desenvolve a dimensión social malia o momento de crise e da situación de desemprego e desprotección que estamos a vivir. Non se prantexa mellorar a sanidade e a educación aumentando o gasto público para equiparalo á media dos países desenvolvidos, nin desenvolve ningún tipo de medidas en relación coa atención e coidados ás persoas, nomeadamente ás persoas dependentes, e o aumento das prestacións sociais e familiares. Do mesmo xeito, os obxectivos de equidade, igualdade de oportunidades, integración emprego de calidade... deberían estar moi presentes nunha norma desta natureza pero tampouco é o caso, aínda que se nos anuncien reformas laborais e da seguridade social que previsibelmente supoñan recorte de dereitos.
Por todo iso, o CES, no cometido das súas funcións, rexeita o anteproxecto e aconsella que se free o proceso legal inciado e que, para o mellor cumprimento dos seus obxectivos, a LES se reconvirta nun programa reformista, capaz de articular propostas de transformación económica e social, fixando un calendario para o imprescindíbel debate e participación social, política e institucional.
Luís Burgos Díaz Iñaki Zabaleta Aramendia CIG ELA