As doce despedidas e despedidos contan cunha media de 15 anos como traballadoras/es da limpeza neste centro de traballo, habendo casos de persoas que levan até 26 anos traballando neste espazo.
Desaloxo á forza
O domingo á noite, cando entraba a primeira quenda de traballo da nova empresa, as traballadoras/es despedidas ocuparon a entrada do Alcampo e fixeron unha sentada, polo que desde a dirección do Alcampo chamaron á policia, que desaloxou á forza a estas compañeiras/os.
Tomas Gonzalo, da CIG-Servizos, cualificou esta actuación policial de "desproporcionada", nun desaloxo no que "collían en peso á xente e no que utilizaron a forza" e criticou duramente estes despedimentos, xa que "abren á veda a que outras empresas queran facer o mesmo tipo de xogada para abaratar custes e gañar concursos de adxudicación, e neste caso hai que lembrar que é moi grave porque se está a incumprir o que marca o convenio, que hai que subrogar ao persoal".
Concentracións
Desde o domingo e ao longo de toda a xornada do 1 de febreiro, as traballadoras/es despedidos e representantes das centrais sindicais CIG, CCOO e UGT permaneceron concentrados ás portas do Alcampo de Coia.
A CIG realizará as xestións necesarias para que se reúna a Comisión Paritaria do Convenio Provincial, pola vulneración do mesmo e o seu incumprimento neste grave caso.