A manifestación partiu da compostelá Praza do Toural e rematou na de Praterías, logo de percorrer as rúas da cidade. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino foi o encargado de pechar o acto lembrando que “loitamos contra o desmatelamento das oficinas de I+B. Oficinas situadas maioritariamente no ámbito rural e desde as que se ofrece unha atención integral ás persoas máis vulnerábeis da sociedade en risco de exclusión social e se atenden distintos programas que redundaban nunha mellor inserción laboral da muller ou na atención aos adolescentes. Porén, o PP decidiu despedir 61 traballadoras coa eliminación dos seus postos de traballo”.
Preservar o carácter público
O secretario nacional de CIG-Ensino salientou ademais que con esta mobilización deféndese tamén que todos e cada un dos Centros de Día sigan tendo carácter exclusivamente público. Por iso, lembrou que “a concesión da xestión do servizo a empresas privadas significa empeorar o servizo e rebaixar a súa calidade” e advertiu que a privatización destes centros “redundará na precariedade laboral, xa que a empresa privada busca o máximo beneficio económico a conta dos traballadores/as”.
Fronte a isto, manifestou que os servizos sociais teñen que satisfacer as necesidades con criterios de “calidade, universalidade e interese social e isto só é posíbel”, dixo, “se unicamente son públicos”
Defensa das Galescolas
Louzao fixo espacial fincapé na defensa de que as escolas infantís tamén sigan sendo galescolas, é dicir “para que se manteña o modelo educativo e para que o galego sexa a lingua vehicular e así combater o odio que o actual goberno do PP ten para co noso idioma”.
Fronte a isto denunciou que o actual goberno do PP paralizou todas as medidas encamiñadas a mellorar as condicións de traballo, salariais e de xornada do persoal do consorcio. “Salarios que na maioría dos casos non alcanzan os 1000 euros, alén de padecer a temporalidade e a precariedade laboral. Por iso esiximos que se aplique de inmediato o convenio acordado e negociado”.
Difamacións e ataques ás traballadoras/es do Consorcio
A estas denuncias engadiu as difamacións e o uso partidista que fai o PP, atacando aos traballadores e traballadoras do Consorcio que no seu día superaron unha oposición. “Fíxoselles un contrato fraudulento e agora, matriculados/as nunha nova oposición para acceder a unha praza de laboral fixo, o PP pretende anulala sen ningún aval legal nin xustificación e por riba acúsaas de enchufadas”.
Por iso dirixiuse ao presidente da Xunta e á conselleira para advertirlles que desde a CIG “non imos aceptar que se ataque o carácter público do Consorcio e se pretenda a privatización dos servizos sociais, nin que se xogue cos dereitos e intereses dos traballadores e traballadoras por motivacións perversas e moito menos aceptar os despedimentos.”
Sectores máis desfavorecidos nun contexto de crise
Para a CIG, tal e como explicou Louzao, na actual conxuntura de grave crise económica, como consecuencia da aplicación de políticas neoliberais, son precisamente os usuarios dos servizos que presta o Consorcio o colectivo que merece maior atención por ser os sectores sociais máis desfavorecidos e polo tanto os que sufran de xeito máis duro as consecuencias desta situación.
“Non podemos admitir que se pretenda destruír emprego e desmantelar servizos como medidas contra a crise”, afirmou para rematar incidindo en que “tampouco podemos permitir, que o actual goberno do PP na Xunta de Galiza teña por obxecto eliminar estes servizos, fomentando o seu mal funcionamento e degradando o persoal que traballa nos mesmos, coa finalidade de desmantelalos, suprimilos ou privatizalos. O acceso aos servizos públicos debe ser garantido para todas as persoas, independentemente do lugar que se viva. Xa que son dereitos sociais indispensábeis para loitar contra a desigualdade social”.