Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Antonio López García e Xaime Rei, elixidos secretarios nacionais dos sectores local e estatal da CIG-Administración

Comprometéronse na defensa dos servizos públicos e do dereito do uso do galego, en cumprimento da LNLG
O pasado sábado 27 de febreiro celebrábanse as asembleas dos sectores local e estado da CIG-Administración. No sector Local, Antonio López García, actual Presidente da Xunta de Persoal do Concello de Santiago, foi elixido novo Secretario Nacional relevando a Xabier Picón, do mesmo concello, neste cargo. No sector da administración do Estado, foi elixido Xaime Rei.

A defensa do sector público e do dereito ao uso do galego por parte dos empregados/as deste sector, o rexeitamento ao atraso na idade de xubilación e á conxelación salarial foron algúns dos elementos nos que se centraron as asembleas.

No caso da V Asemblea o Sector Local da CIG Administración, un dos obxectivos que se marcaron foi a defensa de que nos acordos e convenios colectivos figure unha regulación sobre o dereito dos/as empregados/as públicos/as ao uso da lingua galega e o cumprimento polas administracións respectivas da Lei de Normalización Lingüística de Galiza.

Do mesmo xeito, a V Asemblea do Sector Local da CIG Administración comprometeuse na defensa da xestión directa dos servizos  público locais, con empregados/as propios/as das corporacións. Neste sentido acordaron oporse a que os servizos básicos prestados aos cidadáns se convertan en “negocios privados” porque converten a calidade do servizo e a precarización das condicións laborais “en pingües beneficios para as empresas adxudicatarias” e, xeralmente, provocan “o encarecemento das taxas e prezos públicos que soporta a cidadanía”.

Dereito á negociación e á participación

Alén diso, salientaron que malia a probación do Estatuto Básico do Empregado Público, que regula os dereitos de participación e negociación dos/as empregados/as públicos/as nas súas condicións de traballo, “aínda son moitas as administracións locais galegas en que a normalización da negociación das condicións de traballo segue a ser unha materia pendente e unha das principais reivindicacións”. Ante a falla de regulación, as condicións de traballo son establecidas “por capricho do edil que toque, con criterios arbitrarios e carentes de obxectividade, cando non responden a clientelismos e comportamentos caciquís”.

Esta é a razón pola que as condicións de traballo dos/as empregados/as públicos/as locais varían de forma importante segundo a que administración pertencen e a que esta dispoña ou non de acordo colectivo propio. Isto dá lugar a unhas condicións de traballo moi diferentes, con tendencia a que estas diferenzas se incrementen cada día.                            De feito, afirman que “son aínda moitos os empregados públicos locais que non gozan de certos permisos ou licencias, carecen de fondos sociais para axudas de estudios, garderías, persoas con discapacidades, anticipos, etc., e as súas retribucións se fixan ineludiblemente polo Goberno do Estado ou polo Alcalde de quenda, sen ningunha posibilidade de negociar nada”.

Homologación das condicións de traballo

Outro dos obxectivos definidos pola V Asemblea é a homologación do persoal laboral e funcionarial. A necesidade desta homologación vén dada porque son moitos os concellos nos que aínda operan profundas diferenzas entre os dous colectivos, concellos con acordos socio-laborais para os funcionarios e inexistencia de convenio laboral e outros con condicións diferentes para uns e outros.

Negociación da Lei da Función Pública

O novo marco lexislativo deseñado pola normativa básica estatal (EBEP) e sobre todo, a derivación da potestade lexislativa que antes se reservaba o Estado cara as Comunidades Autónomas en materias tan sensibles como a carreira profesional, o sistema retributivo, o réxime de permisos e licencias, a xornada de traballo, mobilidade, etc., abren unhas amplas posibilidades para os empregados públicos galegos.

Diante desta situación, os representantes da CIG-Administración Pública entende que non poden deixar pasar a oportunidade de dotarse (aínda con certos condicionantes polas materias que se reserva o Estado), dun marco de relacións laborais propio para as administracións públicas galegas.

Porén, entenden que estará condicionado pola forza con que sexan capaces de defender as súas propostas no proceso negociador da Lei da Función Pública Galega, e diso van depender tamén, en boa medida, as condicións de traballo do persoal das administracións públicas do noso país.

Xunto a isto salientan tamén a importancia dos intereses que están en xogo para os/as empregados/as locais e por iso afirman que “temos que facer que a nosa voz se escoite con forza, tanto nos organismos internos como na propia Mesa de Negociación da Xunta, nas que teremos que esixir estar presentes”.

Contidos da negociación

O sector local da CIG denunciou, na súa Asemblea as limitacións aos incrementos dos cadros de persoal impostas polo Goberno do Estado –e que están a ter un seguimento importante polas corporacións locais-. “Está dando lugar a que se prioricen os incrementos de persoal en tarefas principalmente administrativas, con perda de man de obra de persoal de oficios, coa conseguinte privatización de importantes servizos públicos que supón unha considerábel perda de calidade nas prestacións aos cidadáns e unha importante destrución de emprego público.

Temporalidade

Os representantes da CIG no sector local acordaron defender que se respecte ao 100% a taxa de  reposición de efectivos. Respecto deste tema, salientaron que o feito de non poder incrementar as prazas fixas nos cadros de persoal obriga ás administracións a recorrer aos contratos temporais e á conseguinte precarización das condicións de traballo.

Alén diso, acordaron oporse a que os postos que respondan a actividades permanentes se manteñan en precario, mediante contratos temporais fraudulentos, recorrendo mesmo “ao xulgado do social en demanda de fraude de lei, na procura de sentenza que obrigue ás administracións a dotar as prazas nos cadros de persoal, exixindo a súa convocatoria inmediata e procesos que garantan a igualdade, o mérito e a capacidade, valorando ademais os servizos prestados nos postos de traballo como mérito preferente para o acceso ás prazas”.

Do mesmo xeito, tampouco permitirán que en postos de natureza permenente se sucedan as prórrogas nos contratos temporais ou nos que van rotando distintos traballadores “co falaz argumento de repartir o traballo”.

Xunto a isto analizaron a situación no referido á carreira profesional e valoraron positivamente que o EBEB poña a formación nun primeiro plano.

Retribucións

A V Asemblea do sector local denunciou as políticas postas en práctica polos sucesivos gobernos de incrementos retributivos para os empregados públicos por debaixo dos IPCs reais, mesmo recorrendo as conxelacións salariais, o que provocou unha importante perda do poder adquisitivo dos empregados municipais nos últimos anos.

Entre outras cousas, e cara evitar futuras desviacións do IPC, acordaron procurar por todos os medios o establecemento nos convenios de cláusulas de revisión salarial automática. En relación coa antigüidade e as axudas de custo, acordaron seguir defendendo que na normativa sobre a función pública aplicable o valor dos trienios e das contías que se determinen como compensación por dietas e desprazamentos sexa igual para todos os grupos.

Tamén avaliaron o relativo aos complementos específicos, a importancia das valoracións dos postos de traballo e apostaron pola supresión do complemento de produtividade.

Tempo de traballo

En materia de xornada de traballo acordaron pular pola xornada semanal de 35 horas e que esta redución se troque en creación de novas prazas fixas.

Manifestaron a súa oposición a calquera caste de prolongación de xornada e defenderon, pola contra, que se estabeleza nos convenios a posibilidade de acceder a unha xubilación parcial voluntaria do seu persoal incluso incentivada), mediante contratos de relevo como fórmula para fomentar o emprego.

cig.prensa@galizacig.com