Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 1/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Delegados e delegadas da CIG en Ferrol ocupan as oficinas do Servizo Público de Emprego e da Delegación da Xunta

Coa protesta quérese denunciar a situación socioeconómica da comarca e as reformas propostas polo goberno
Delegados e delegadas da CIG mantiveron esta mañá un peche na oficina do Servizo Público de Emprego de Ferrol e da delegación territorial da Xunta para denunciar a situación socioeconómica da comarca de Ferrolterra, a proposta de reforma laboral e das pensións anunciadas polo Goberno, así como a actitude mantida por CCOO e UGT diante desta situación, actuando como cómplices das tentativas de recortar os dereitos da clase obreira e apoiando a perda do poder adquisitivo dos salarios.

Pouco despois das once da mañá, delegados e delegadas da CIG en Ferrol ocupaban as oficinas principais do Servizo Público de Emprego (o antigo INEM), onde despregaron unha faixa cunha clara reivindicación: “A crise do capital que a pague a patronal”. Alí repartiron follas informativas sobre a situación do emprego na comarca e explicaron a traballadores do servizo e usuarios/as os motivos da mobilización. Unha hora despois, a protesta trasladábase a outro andar do edificio administrativo, ocupando a delegación territorial da Xunta en Ferrol, até finalmente rematar, dun xeito voluntario, dúas horas e media despois cunha concentración.

Coa protesta, que se enmarca na campaña de mobilizacións iniciada pola CIG en contra da reforma laboral, do sistema de pensións e contra da falta de medidas reais e efectivas para paliar as consecuencias da crise, os delegados e delegadas queren denunciar publicamente a “preocupante” situación  socioeconómica da comarca de Ferrolterra, que neste momento rexistra máis de 17.000 parados/as e unha sangría continuada de destrución de empregos.

O secretario Comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, ofrecía unha longa listaxe de empresas que nos últimos tempos teñen reducido os seus cadros de persoal á máis da metade. Neste senso, denunciou o imparábel peche de empresas que no seu día recibiron substanciosas subvencións públicas, tanto para a súa instalación como para incentivar a contratación, e “agora botan o peche declarándose insolventes, polo que, ademais, o Estado é quen se ten que facer cargo de pagar os salarios e as indemnizacións a través do Fogasa”. A este respecto, Pintos criticou a falta de escrupulosidade da administración á hora de aprobar os expedientes de regulación sen investigar a fondo a situación económica real destas compañías.

A complicidade dos sindicatos estatais

Durante o peche, que rematou voluntariamente sobre a unha e media da tarde, denunciouse tamén a actitude mantida por CCOO e UGT “aceptando este sistema socioeconómico que provocou a crise, consentindo o recorte dos dereitos laborais, negociando coa patronal a contención dos salarios e aceptando unha reforma da seguridade social que suporá un recorte moi importante das pensións”, criticaba López Pintos.

O secretario comarcal referíase ao lavado de cara de ambas organizacións sindicais anunciando mobilizacións contra o incremento da idade de xubilación, cando saben que unha medida con semellante rexeitamento social non vai saír adiante, mais sen protestar contra a cuestión de fondo: aumentar os anos de cotización para calcular a base reguladora. Isto suporá un recorte moi significativo nas contías que os traballadores e traballadoras terán dereito a percibir unha vez rematada a súa vida laboral.

Coa perspectiva do 10 de Marzo

A protesta desta mañá está integrada no conxunto de mobilizacións que a CIG de Ferrol está a desenvolver na comarca para denunciar unhas medidas “anticrise” que suporán un recorte dos dereitos e demandar políticas estruturais alternativas que permitan saír desta crise nas mellores condicións para a clase traballadora. Este primeiro calendario de mobilización culminará o vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, cunha gran manifestación a partir das 20:00 horas.

Pintos aclarou que se agarda unha importante participación neste mobilización, á que  instou a sumarse tamén aos afiliados/as de UGT e CCOO, pois “a CIG é o único sindicato que moralmente pode estar á fronte, porque nunca nos vendimos. Nós temos que dirixir a loita contra este sistema e para conseguir un cambio de modelo”, aseverou.

No documento adxunto á nova podes ler a folla informativa sobre a situación do emprego na comarca, repartida na protesta deste luns.

Documentos
Folla_informativa_Ferrol.pdf
cig.prensa@galizacig.com