Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 1/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Xulgado do Social recoñece a enfermidade profesional dun celador da Fundación Valdegodos

Nin a empresa nin a mutua protexeron a súa saúde
O Xulgado do Social nº 1 de Ourense ven de ditar Sentenza na que recoñece a enfermidade profesional dun traballador da Fundación Valdegodos en Viana do Bolo, que ocupa o posto de celador, a quen determinados produtos que habitualmente manipula, lle producen unha forte dermatite de contacto.

A Sentenza pon fin a un longo proceso de reclamacións por parte deste traballador, que reiteradamente solicitou da Fundación Valdegodos un cambio de posto que fose compatíbel coa súa doenza, petición que foi totalmente ignorada polos seus superiores xerárquicos.

Papel da mútua

Tampouco a Mutua contratada pola Fundación, Mutua La Fraternidad MUPRESPA, respectou a recomendación do Servizo de Prevención que, logo de ter que reclamalo mediante denuncia ante a Inspección de Traballo, lle realizou un recoñecemento médico en cuxas conclusións recoñecía a relación entre a dermatite e as substancias coas que habitualmente traballaba; nin un Informe dos Técnicos de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galicia que propuñan, xa en 2004, un cambio de posto compatíbel coa enfermidade.

Este é un exemplo máis do incumprimento da normativa que en materia de Prevención de Riscos Laborais cometen as empresas e do fraude e engano que representan as Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais (antes chamadas Mutuas Patronais).

Neglixente actuación dos equipos de valoración de incapacidades

Pero o que resulta aínda máis lamentábel é a actuación dos equipos de valoración de incapacidades (E.V.I.) que en todo momento respaldaron, sen realizar proba médica algunha, as teses da Mutua, e consideraron a dermatite como unha enfermidade común. Todo isto, a pesares do significativo gasto que lle representa ao Servizo Público de Saúde o ter que atender doenzas que en rigos deberían corresponderlle ás mutuas de accidentes de traballo.

Tanto o traballador como a Central Sindical resérvanse o dereito de emprender accións legais ante as autoridades laborais e ante a Xustiza, en defensa dos seus respectivos intereses.

Desde a CIG animamos a todos os traballadores e traballadoras a acudir aos nosos servizos de asesoramento legal en materia de prevención de riscos laborais, para contribuír a poñer fin ao abuso de mutuas e empresas neste terreo.

cig.prensa@galizacig.com