O pasado 25 de febreiro a Agrupación Médica de CIG-Saúde rexistraba a convocatoria de folga no servizo de Dermatoloxía do CHUAC, logo de que así o decidisen sete dos oito médicos adxuntos con praza (sen contar o xefe de servizo e dúas dermatólogas sen praza fixa) perante a imposibilidade de veren atendidas as súas reivindicacións mediante o diálogo.
A convocatoria de folga, explica Ramón Veras, delegado da CIG-Saúde, vén motivada polo mantemento “dunha organización do servizo e da forma de toma de decisións que está afectando negativamente á calidade da asistencia sanitaria, ás posibilidades de promoción profesional dos convocados, á autoestima e satisfacción profesional dos mesmos e que está producindo discriminacións no reparto da carga de traballo”.
Coa folga, o colectivo de traballadores/as agarda conseguir, entre outros obxectivos, unha organización non discriminatoria da actividade no servizo, a adaptación da citación da consulta de revisión de xeito que se permita ver aos/ás pacientes nos tempos que son necesarios para cada enfermidade e doente; promover a participación activa dos profesionais nas tomas de decisións; e facilitar a formación profesional dos/as dermatólogos para que poidan desenvolver todas as competencias propias desta especialidade.
Dende a CIG-Saúde da Coruña explican que durante o último ano os/as traballadores/as do servizo dirixíronse en multitude de ocasións á Xefatura de Servizo, á Dirección Médica e á Xerencia do Complexo manifestando estas reivindicacións, sen que os órganos de dirección “tivesen algunha iniciativa para solucionar os problemas existentes”.
Así mesmo, os/as especialistas aclararon que manteñen a vontade de diálogo e de alcanzar un acordo mediante a negociación “pero se non é así, os facultativos están dispostos a manter o conflito no futuro”.