Traballadores e traballadoras dos servizos de limpeza e seguridade de distintas oficinas de novacaixagalicia, acompañados por delegados e delegadas da CIG-Servizos, trasladáronse na mañá deste martes até a oficina principal da entidade na Coruña para esixir da dirección que abra unha mesa de negociación sobre o futuro dos empregos e as condicións laborais, así como buscar medidas alternativas.
O persoal, que xa desenvolvera accións polo mesmo motivo o pasado mes de novembro, iniciou sobre as 11:00 horas unha ocupación da sede da caixa para protestar pola falta de negociación do futuro dos postos de traballo das empresas auxiliares que están afectados polo recorte de oficinas e peche de servizos derivados da fusión. Durante case unha hora, os traballadores/as e delegados/as permaneceron no interior do oficina, onde as súa demandas foron brevemente escoitadas, “mais non tidas en conta”, advertía Paulo Rubido, Secretario nacional da CIG-Servizos,.
Rubido aclarou que a continuidade duns catrocentos empregos das subcontratas de limpeza e seguridade da caixa están en perigo, mais até o momento a dirección da caixa non ten asumido as súas responsabilidades. De feito, xa hai máis de catro meses a CIG-Servizos reclamara a constitución dunha mesa específica de negociación na que se tratasen as posibilidades de recolocacións, indemnizacións, prexubilacións, xubilacións, etc. para o conxunto do persoal que agora se está vendo afectado. Non obstante, malia as mobilizacións realizadas, dita mesa nunca foi constituída.
Neste senso, Rubido explica que a provincia de Ourense, polo maior volume de oficinas que cerraron ou van cerrar, será tamén onde maior número de traballadores/as se vexan afectados/as. De feito, apuntaba que aproximadamente unhas 35 persoas xa están a sufrir as consecuencias desta reestruturación da nova entidade directamente co despedimento ou ben cunha redución de horas de traballo. A esta situación, haberá que engadir nun futuro próximo a problemática derivada da previsíbel nova reestruturación da caixa se vai adiante a privatización pretendida polo goberno español.
Ao remate da mobilización na oficina de novacaixagalicia, a protesta trasladouse até a sede do Banco Gallego, na rúa Linares Rivas, xa que nesta entidade estase a dar o mesmo tipo de problema no emprego dos servizos subcontratados.