Dous lemas encabezaban as manifestación convocadas pola CIG en A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo, Ribadeo e As Rías, “ Emprego e salarios dignos. Non ao pacto social” e “O déficit público que o pague o capital. Reforma fiscal xa!”
E estes foron tamén os aspectos que centraron as intervencións dos secretarios comarcais ou das Unións Locais ao remate das súas respectivas manifestacións. Así, nuns e noutros casos fíxose referencia ao duro retroceso que está sufrindo o emprego, por mor da crise económica que estamos a vivir, e denunciáronse as políticas que se pretenden pór en práctica aproveitando a conxuntura. Políticas dirixidas a facilitar ou reducir a súa calidade, facilitando, aínda máis, o despedimento e flexibilizando as condicións laborais.
Respecto dos salarios, denunciaron que se segue coa política de moderación salarial, que na práctica supón perda do poder adquisitivo dos salarios, nun momento no que se require xustamente o contrario, facer políticas que contribúan a xerar emprego estábel e de calidade e que melloren os salarios dos traballadores e traballadoras precisamente para recuperar capacidade de consumo e tirar da economía produtiva.
O déficit público que o pague o capital. Reforma fiscal xa!
Neste Primeiro de Maio a CIG demandou ademais que o déficit público o pague o capital, segundo explicou o secretario xeral, Suso Seixo, na súa intervención na manifestación central, en Vigo, porque como consecuencia da recesión económica estase entrando nus niveis de déficit público importantes. Porén a CIG entende que a política a seguir para corrixilo non é incrementar os impostos indirectos ou reducir o gasto social senón incrementar o gasto público e o investimento no tecido produtivo para xerar emprego e contrarrestar os efectos da caída do investimento privado.
Seixo tamén denunciou que o déficit público non se pode corrixir pola vía de reducir o gasto ou de incrementar os impostos indirectos senón pola vía de incrementar os impostos ao capital, sobre as rendas máis altas, recuperando o imposto sobre o patrimonio e facendo unha política real e efectiva para contrarrestar a fraude fiscal, eliminando os paraísos fiscais e utilizando mecanismos que obriguen a que o capital pague os impostos que realmente lle corresponde e que no poida evadilos, como adoita facer.
A loita de clases, máis viva que nunca
Para a CIG, este Primeiro de Maio tamén permitiu facer outra reflexión, no sentido de que se algo está constatando esta crise económica é que a loita de clases, que se nos dicía desde o poder, desde o capital e desde os gobernos occidentais en xeral, que estaba superada, está máis viva que nunca.
A este respecto Seixo lembrou que as causas que motivaron a crise económica non foron unhas condicións laborais, tanto no referido á xornada como á estabilidade no emprego ou aos salarios, senón todo un modelo de economía especulativa, que xerou un grande lucro e grandes dividendos para aqueles que especulan nos mercados financeiros a custo de reducir dereitos e precarizar as condicións laborais da maioría da poboación.
Porén, as alternativas que se están a ofrecer para dar saída a esta crise van polo mesmo camiño, responsabilizando á clase traballadora para que sexa quen a pague perdendo dereitos e cedendo nas súas condicións laborais. Algo que está a ocorrer mentres que toda esa economía especulativa segue xerando beneficios de miles de millóns de euros para uns poucos, moitas veces con recursos públicos. Situación que demostra que estamos nun sistema capitalista cun claro contido de clase onde se favorece os intereses dunha minoría fronte a maioría social.
Nese sentido foi moi crítico coas mesas de Diálogo Social e coa Política de Pacto Social que veñen seguindo nos últimos anos as organizacións sindicais de ámbito estatal porque no ámbito desas mesas, as políticas que se están a tratar non son as que nos levarían á saída da crise económica senón aquelas que lle interesan ao poder no camiño de recortar dereitos e permitir o máximo incremento de beneficios das grandes empresas.
Ante isto, para a CIG, tal e como manifestou o seu secretario xeral, non queda máis que seguir exixindo un cambio de modelo, que se fagan realmente políticas dirixidas a encetar unha reforma estrutural profunda que nos leven a un modelo económico e social distinto, solidario, máis xusto e máis democrático. Para iso, Seixo fixo un chamamento á mobilización social, da que dixo que é fundamental para promover un cambio de modelo, porque “quen detenta hoxe o poder son os mesmos que nos levaron a esta crise, son aqueles que controlan o poder económico e político, aos que lles foi moi ben nos período anteriores e aos que lle sigue indo moi ben durante a mesma”.
Por iso, exhortou ás miles de persoas que se sumaron a esta e a todas as manifestacións convocadas pola CIG e á grande maioría social que representa a clase traballadora para que se organice, se mobilice e teña capacidade de presión suficiente como para obrigar a aplicar unhas políticas diferentes que garantan que a saída desta crise vai ser beneficiosa para “os nosos intereses como clase e baixo un modelo económico e social que dea estabilidade e que non nos leve a unha nova crise económica nuns anos e, se cadra, máis profunda que esta”.