Dende a CIG-Servizos de Ferrol explicaron que a asemblea de traballadores e traballadoras de Los Lebreros decidiu aceptar maioritariamente na tarde do 29 de maio a proposta efectuada pola dirección da empresa, polo que procederon a emprender as accións necesarias para desconvocar a folga que viñan desenvolvendo nos últimos días.
A empresa, pola súa banda, comprometeuse a abonar a mensualidade de abril antes do día 5 de xuño, así como a correspondente ao mes de maio en tres prazos durante o mes de xuño de 2009. En canto aos salarios do mes de xuño, mes no que remata a concesión que ten dos servizos do Arsenal Militar de Ferrol, será aboada no mes de xullo.
Vixiar o cumprimento dos acordos
Dende a CIG-Servizos de Ferrol subliñaron que van velar polo cumprimento do acordo por parte da empresa, “acordo que valoramos como un mal menor, no sentido de que cubre as necesidades máis perentorias, que son o cobro do adebedado por quen levan dous meses sen cobrar, e con maior celeridade que a vía xudicial”.
Aínda así, sinalan, “entendemos que a administración do Estado non pode permitir que desenvolvan traballos nas súas instalacións empresas que carecen de solvencia e incumpren os seus deberes co persoal e das que son total e absolutamente cómplices”.