Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 1/6/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración de delegados/as da CIG contra a represión sindical en Monbus-Rialsa

A empresa continúa coa súa política de despedir a traballadores/as afiliados á central
Delegados e delegadas da CIG concentráronse esta mañá diante dos Xulgados de Ferrol para amosar o total rexeitamento á política de represión sindical practicada pola compañía Monbus-Rialsa, que vén de despedir a unha traballadora afiliada á central. A protesta desenvolveuse coincidindo co xuízo polo despedimento improcedente desta condutora, que levaba máis de cinco anos na empresa.

Este novo despedimento, explicaba ás portas do xulgado o Secretario Comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, Alexandre Romero, da continuidade á política de represión habitual practicada por Monbus contra a CIG, dende a exemplar folga no sector que tivo lugar hai uns anos na provincia de Pontevedra.

Romero apunta que dende entón non existen boas relacións entre a empresa e a central sindical e o xeito en que Monbus manifesta esta situación é a través da represión e os despedimentos de traballadores e traballadoras afiliados á CIG. De feito, este non é o primeiro caso que se dá na comarca de Ferrol, xa que dende que Rialsa foi absorbida por Monbús rexistráronse varios despedimentos de persoas vinculadas á central sindical.

A este respecto, aclara o Secretario comarcal da FGAMT-CIG, a empresa prefire recoñecer os despedimentos improcedentes e abonar as contías das indemnizacións a manter no seu posto ao persoal afiliado á central que reivindica os seus dereitos. Neste caso, a condutora despedida, en cuxo xuízo finalmente se chegou a un acordo, levaba máis de cinco anos traballando para Monbus-Rialsa.

A FGAMT-CIG de Ferrol xa denunciou, hai aproximadamente un ano, o incumprimento sistemático dos compromisos adquiridos por Monbus co conxunto dos traballadores/as, logo de facerse con Rialsa. Daquela, a empresa de transportes garantira que ía respectar os niveis de emprego e que non se producirían despedimentos, dous puntos que non cumpriu, ao tempo que pon en práctica outros métodos represivos e coaccionadores. 

cig.prensa@galizacig.com