De esquerda a dereita, Javier Álvarez, presidente do comité (CIG), e Alberto Gonçalves, secretario nacional da CIG-Químicas, xunto aos membros do comité de empresa e un asesor de CCOO (d).
Dende o comité de empresa (tres representantes da CIG e dous de CC.OO) indicaron que a decisión os colleu totalmente por sorpresa xa que a dirección da compañía nunca falou de problemas económicos. “Ao contrario, esta planta sempre foi rendíbel, tal e como recollen as propias auditorías do grupo”, denuncia.
Ao tempo, critican o feito de que lles comunicasen a decisión sen darlles opción a negociar. “A nosa posición é moi clara: entendemos que hai negocio, que a empresa vai ben, e queremos manter o nosos postos de traballo”, sosteñen.
De feito, sinalan que a intención da compañía é crear 130 novos empregos nas outras fábricas do grupo e investir 70 millóns de euros na mellora e modernización das instalacións. “Pero a nós nin sequera non falan da posibilidade dun traslado; iso si, cando nos anunciaron a decisión chegaron á empresa cun médico e cun psicólogo, por se algún traballador/a pecisaba atención sanitaria”.
O resultado da medida deixará na rúa a 70 operarios cunha idade media de 40-45 anos e cunha experiencia na empresa de 18-20 anos. “Non poden poñer a crise como escusa nin os salarios altos, xa que nesta empresa tiñamos os soldos máis baixos do sector do automóbil na comarca; o que queren é aumentar o beneficio dos accionistas e trátannos como a unha simple mercadoría”, censuran.
Dende a CIG-Químicas consideran intolerábel este tipo de decisións e adiantan que agardarán á asemblea para convocar mobilizacións. “Pero que ninguén pense que nos imos quedar de brazos cruzados”, indican.