Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama a participar na manifestación do domingo 3 de xuño de Santiago

A organizacións integrantes esixen que non se apliquen máis recortes no ensino público
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un chamamento á sociedade para que asista de xeito masivo á manifestación que se celebrará o próximo 3 de xuño, en Santiago de Compostela, con saída ás 12.00 h. da Alameda, e que confluirá coa convocada en defensa da sanidade pública.

A Plataforma valora positivamente a participación nas mobilizacións realizadas ata o momento para demandar que a Consellaría de Educación non aplique máis recortes no ensino público e que recorra o RD Lei 14/2012 por invadir as competencias educativas da Xunta de Galiza.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeita os recortes propostos, denuncia que con eles se ataca gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentarán o fracaso escolar e suporán o despedimento de máis de 2000 profesores/as. 

Por todo isto, esixe que o Goberno galego actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e que presente recurso por invasión de competencias.

Manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

 

A comunidade educativa galega a través de diferentes entidades (organizacións sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organizacións estudantís  partidos políticos...) constituíu unha Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para manifestar o noso rexeitamento ao Real Decreto-Lei 14/2012, publicado polo goberno do Estado,  esixir da Consellaría de Educación que non aplique en Galiza ningún dos recortes contidos no RD Lei e que o recorra  por invadir as competencias  que en materia educativa ten a Xunta  de Galiza.

A Educación é un dereito, un dereito de todas e todos, que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións posíbeis. Só a través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é unha mercadoría. Nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade económica. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cadaquén, aplicando as medidas compensatorias necesarias para  garantir a igualdade de oportunidades. Por iso mesmo, nun momento de crise económica é cando cómpre fortalecer os servizos públicos e manter as dotacións necesarias para que non perdan calidade e para que o conxunto da cidadanía, esa que está a sufrir a crise, non se vexa privada dos seus dereitos.

Mais iso non é o que sucede hoxe. O actual goberno galego veu aplicando sucesivos recortes ao ensino público e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos do ano 2009, o que provocou a perda de máis de 2000 docentes e a conseguinte falta de dotación necesaria para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais, é dicir, a todas as necesidades que ten o sistema educativo galego. Xunto a isto, a Administración galega eliminou a gratuidade dos libros de texto e non cobre as baixas do profesorado inferiores a quince días. Gastáronse millóns de euros en tirar con libros por estaren en galego e en facer propaganda da eliminación da gratuidade dos libros, mentres se mantiñan e se incrementaban as axudas aos centros privados concertados, mesmo cando segregan o alumnado por sexo.

A sociedade galega non merece que o ensino, medio onde deben medrar e formarse as xeracións do futuro, sexa tido en tan pouca consideración polo goberno galego. Co pretexto da crise, golpéase, de maneira grave, o ensino público, pondo en cuestión o dereito á educación da das clases populares.  Por iso, pedímoslle que rectifique e que, como primeira medida, se posicione en contra dos recortes que agora nos quere aplicar o goberno do Estado.

As medidas que se propoñen buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.

Os recortes propostos  de levarse a cabo suporán:

  • Incrementar as ratios a 30 alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. Esta medida provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizado do alumnado e atender as necesidades educativas específicas, e suporá  menor calidade do ensino e maior  fracaso escolar.
  • Impor unha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado  de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria. Isto traducirase, entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista, completar horario noutros centros,  incrementando as itinerancias, e dificultará a realización doutras funcións necesarias para o funcionamento do centro e para a mellora da calidade do ensino.
  • Non substituír o profesorado de baixa. Será un prexuízo para o centro e para o alumnado que as baixas non se cubran até que pasen catorce días (dez días lectivos). Os centros verán alterado o seu plan de traballo cada vez que se produza unha baixa e o alumnado terá que ser atendido por profesorado de diferentes especialidades á do substituído/a, conculcando o dereito á educación do propio alumnado.
  • Eliminar o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato. Isto ten graves consecuencias na formación do alumando que deberá desprazarse cando non conte na súa localidade coa modalidade de bacharelato que quere cursar. Esta medida afasta os servizos dos ámbitos non urbanos, detraendo aínda máis poboación ao rural, e reduce o acceso ao ensino superior, pois non todo o alumnado estará en condicións de custearse os desprazamentos, o que incrementará o abandono escolar e dificultará que cursen os estudos desexados.
  • Adiar a implantación de ciclos de formación profesional. O atraso da posta en marcha destes ciclos prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas.
  • Incrementar as taxas universitarias. Trátase dunha suba desorbitada, que pode superar o 50% e que se fixará en función do custo das titulacións. Isto achegará o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeita estes recortes, denuncia que con eles se ataca gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2000 profesores/as.  Por todo isto, esiximos que o goberno galego actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas nel contidas e que presente recurso contra o RD Lei 14/2012 por invasión de competencias.

cig.prensa@galizacig.com