Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Máis de 3 millóns de euros para a xestión privada dos servizos sociais

A entidade Esclavas de la Virgen Dolorosa-Crecente recibe 1.038.441,60€ e a Asociación Galega San Francisco (Agasfra) obtén 2.082.955,32€
Mentres non hai cartos para os centros públicos de servizos sociais, a consellaría de Traballo e Benestar si os ten para conveniar estes servizos con entidades privadas de carácter relixioso. Así o denuncia o sector da Autonómica da CIG-Administración a partir da “relación de convenios da Consellaría de Traballo e Benestar subscritos no primeiro cuatrimestre do ano, publicada no Diario Oficial de Galiza deste venres, día 1 de xuño. En concreto, citan o peche do centro de menores de Montealegre (Ourense) e o centro de menores de Soutomaior (Ferrol), ademais de eliminar o centro de atención especializada do Santiago Apóstolo e privatizar o centro Souto de Leixa (Ferrol), que acabou en mans de CLECE (empresa do grupo de Florentino Pérez).

Segundo explica o sector da Autonómica de CIG-Administración, a consellaría de Traballo e Benestar está aplicando unha política de amortizacións de postos de traballo que en época de restricións orzamentarias se vende facilmente. Tras isto veñen os peches de centros públicos ou a derivación das persoas usuarias destes servizos cara centros privados. Porén, advirten de que esta derivación “non é gratuíta, máis ben todo o contrario”.

Na relación de convenios da Consellaría de Traballo e Benestar subscritos no primeiro cuatrimestre do ano feita publica no DOG do 1 de xuño, salientan dous pola súa contía, a súa finalidade e os seus destinatarios. A entidade Esclavas de la Virgen Dolorosa-Crecente recibe 1.038.441,60€ para contribuír ao mantemento do servizo que presta a través do Centro Residencial Asistencial Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey. A entidade Asociación Galega San Francisco (Agasfra) obtén 2.082.955,32€ para contribuír ao mantemento dos servizos que presta a través dos seus centros de atención a persoas con discapacidade da súa titularidade.

Fronte a estas subvencións, o sector da Autonómica denuncia o peche do centro de menores de Montealegre (Ourense) e o centro de menores de Soutomaior (Ferrol). Xunto a isto denuncia que, precisamente en temas de atención de persoas con discapacidades, o ano pasado a consellaría de Traballo e Benestar eliminou o centro atención especializada do Santiago Apóstolo e privatizou o centro Souto de Leixa (Ferrol) que acabou en mans de CLECE (empresa do grupo de Florentino Pérez).

Asegura que estes movementos non obedecen a unha cuestión exclusivamente orzamentaria senón a un concepto diferente dos servizos sociais por parte da Xunta de Galiza. “Para o goberno que preside o Sr. Feijóo, os servizos socias parecen ser entendidos como un exercicio de ‘beneficencia’ ou ‘auxilio social’ cando non resulta viábel a fórmula do negocio para empresas privadas”. E reitera a súa defensa dos servizos públicos e de calidade.

cig.prensa@galizacig.com