Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O mundo da Cultura súmase ás demandas de SOS Sanidade Pública e fai un chamamento a participar na manifestación

Por un malentendido informouse de que se denegara o permiso para o palco, cando o problema é que non se chegou a solicitar
Esta mañá presentábase en rolda de prensa o Manifesto “Cultura e Sanidade Pública: Defendemos a sanidade como un dereito”, co que o mundo da cultura quere colaborar na apertura dun debate social ante o perigo que corren dereitos como a Sanidade e a Educación. Na rolda de prensa, Francisco Vázquez Vizoso lamentou que as intervencións e actuacións previstas ao remate da manifestación do vindeiro domingo día 3, tiveran que facerse nas escaleiras da Quintana, interpretando que o concello de Santiago, como ocorreu noutras ocasións, denegara o permiso para instalar o palco. Porén, o problema que provocou este lamentábel malentendido é que non se chegou a solicitar por falta de presuposto da plataforma.

O escritor Suso de Toro, en representación dos asinantes do manifesto, foi o encargado de explicar as razóns que moveron a destacadas personalidades das artes literarias, escénicas e musicais a apoiar a convocatoria de SOS Sanidade Pública lembrando que “a xente da Cultura ten actuado máis alá do exixíbel, en defensa do ben común”, cando, como neste caso, non se trata unicamente dun problema de política sanitaria, senón de defender “un patrimonio social”.

O escritor sinalou que a pretensión dos asinantes é colaborar na apertura dun debate social porque “a sanidade e o ensino están en perigo” e lembrou que o mundo da Cultura tamén se implicara, con todas as consecuencias, coa catástrofe do Prestige, o que provocou que moitos sufriran represalias, máis na última década na que se deu un proceso de maior profesionalización do sector.

Alén diso, sinalou que hoxe a Cultura tamén está moi afectada polos recortes, o que non impide dar o seu apoio á plataforma e que “a propia sociedade agarda que a xente da cultura se involucre”.

Pola súa banda, Vizoso, agradeceu o seu apoio, malia térselles solicitado hai apenas uns días, malia tratarse dunha “batalla incómoda co poder”, dixo, porque o que se denuncia “é o intento de facer desaparecer a saúde como un dereito universal e pasar a convertela nun dereito só para as persoas aseguradas”.

MANIFESTO:

Cultura e Sanidade Pública:

defendemos a saúde como un dereito.

Alfonso Pato (director do Festival de Cans), Antón Sobral (pintor)  Antonio Durán “Morris” (actor), Antón Patiño (pintor), Avelino González (actor), Begoña Caamaño (escritora), Cándido Pazó (actor e director teatral), Carlos Branco (actor), Cesareo Sánchez (escritor), Fermín Bouza (sociólogo e escritor), Isabel Risco Valdevieso (actriz), Luís Iglesias (actor), Marilar Alexandre (escritora), Magín Blanco (compositor), Manuel Quintana Martelo (pintor), Manuel Rivas (escritor), Maria Reimondez (escritora), Marta Dacosta (poeta), María Xosé Silvar “SES” (música), Menchu Lamas (pintora), Mercedes Peón (música), Patricia Vázquez (actriz), Pilar García Negro (filóloga), Rodrigo Romaní (músico), Suso de Toro (escritor), Uxia Blanco (presentadora TV), Uxía Senlle (cantante), Xabier P. DoCampo (escritor), Xosé Mª Alvarez Cáccamo (escritor), Xurxo Souto (músico).

      Sabemos que hai problemas económicos e que as nosas vidas teñen novos límites, pero queremos vivir e queremos que vivan os nosos. Queremos algo tan elemental como que os nosos corpos sexan atendidos cando enfermen. A isto chegamos, a isto nos están conducindo, a esixir que se nos respecte o dereito a procurar a saúde.

       Como temos chegado aquí? Chegamos aquí cando os representantes que escollemos para ostentar os poderes públicos, envolvéndose na bandeira da crise económica, comezaron a comportarse como bombeiros pirómanos. O Ministerio e a Consellería de Sanidade tiraron a careta de administradores da sanidade, de protectores da nosa saúde, e apareceron co rostro de cirurxiáns tolos. A política sanitaria que están a facer é a perversión da medicina, é darlle a volta ao oficio máis delicado: na vez de intervir para salvar o conxunto do corpo están a amputar extremidades que gozan de perfecta saúde. Que fan con eses membros que cortan? Onde os levan? Quedan con eles, precisamente porque están sans. O que era público pasa a mans privadas, ás súas mans. A privatización da sanidade está a ser un expolio do que é noso, do que é de todos. Un roubo do ben común.

       Son tan evidentes as súas intencións e manobras, é tan evidente o seu desprezo pola saúde das persoas, que manifestan con toda naturalidade que os recortes en medicinas supoñen para un pensionista simplemente renunciar a "cuatro cafés" ou a "dos paquetes y medio de tabaco". O desprezo co que falan das vidas alleas vai acompañado do goce anticipado polos proveitosos negocios que xa calculan: “hacer la cama y dar de comer a un paciente no es sanidad”, "hacerle la cama a un paciente no es lo mismo que operarlo del corazón”. Quen di unha cousa así, tan cruel e brutal, seguramente a continuación escacha a rir imaxinando aos doentes que non podan pagar o restaurante no hospital, arrastrando os goteiros polos corredores cun prato na man rumbo ás cociñas. Tamén terán que cociñar eles? O que están imaxinando para nós son cousas grotescas, propias de mentes retorcidas.

       Temos medo do que pretenden as autoridades sanitarias, cousa que antes era impensable. Quen hoxe gobernan a sanidade pública non creen nela e, no canto de defendela, demostran a cotío que queren privatizala e fan recortes cada vez máis inxustos e inxustificados. A sanidade pública é un ben valiosísimo, xunto coa educación e os servizos sociais, son o corazón da nosa sociedade.

      Afortunadamente a nosa sociedade está reaccionando e, no noso país, temos a sorte de contamos coa plataforma cidadán “SOS Sanidade Pública”, un fermoso, combativo e unitario instrumento para defender o noso dereito á saúde polo sinxelo feito de sermos persoas, e para tentar evitar que os tabeiróns que queren facer grandes negocios a conta da nosa saúde, destrúan ese grande instrumento de benestar colectivo e cohesión social que é a sanidade pública.

            É por todo isto que expresamos publicamente o noso apoio a manifestación cidadán que, o domingo 3 de xuño, organiza en Compostela a plataforma “SOS Sanidade Pública”, contra os recortes e a privatización da sanidade pública

cig.prensa@galizacig.com