Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa representantes da CIG, CCOO e UGT, que explicaron que tamén se suman á convocatoria as centrais CGT e Sindicato Libre. O paro dará comezo a partir das 7.30 horas do luns. Os representantes sindicais explicaron que a dirección comunicoulles que nun principio os trasladan de lugar, “pero cando sigan cos recortes noutras zonas rematarán por eliminar eses postos de traballo”.
Neste senso, lembran que a compañía sempre sostivo que non despediría traballadores/as “senón que reduciría postos innecesarios e incentivaría baixas voluntarias”.
Dende a CIG explicaron que detrás desta decisión -que cualifican de desproporcionada tendo en conta que a redución prevista no conxunto do Estado español era do 5% do persoal e esta medida supón unha redución do 25% do cadro de persoal- agóchase a intención de afondar no deterioro do servizo con vistas a unha futura privatización de Correos. “Ademais, con esta medida incumpren a Lei Postal, que establece o reparto diario de uns a venres, xa que con este volume de emprego só se poderá garantir o reparto diario dous ou tres días á semana”.
Finalmente, adiantan a convocatoria dunha manifestación para a vindeira semana coa que pretenden amosar publicamente a súa oposición aos plans da compañía. Ao mesmo tempo, continúan coas concentracións diarias ás portas da oficina de reparto do centro.