Entre os acordos acadados, Alberte Amado, membro do comité de empresa e secretario da Unión Local da CIG de As Pontes, salienta que os 26 despedidos/as poderán volver á empresa cambiando o tipo de contrato que tiñan e pasando a unha xornada de 936 horas. Ademais acórdase que en caso de despedimento non se lle aplicará a redución salarial acordada e terán unha indemnización de 20 días por ano traballado, sen perder a parte proporcional da xornada que se lle reduce.
Deste persoal, que non queira volver á empresa terá unha indemnización de 30 días por ano traballado.
Xunto a isto conséguese limitar do 12%, que era a pretensión inicial da empresa, ao 6% como moito, a redución de salario fixo. Ademais, acórdase que, a partir do 31 de decembro de 2013 recuperarase o 25% da cantidade reducida de salario fixo e a partir de aí poderase seguir recuperando até o tope que se perde, se os resultados antes de impostos das contas auditadas acadan os obxectivos estabelecidos no plan de viabilidade.
Estabélecese ademais que, en caso de baixada da produción, desde agora e até xaneiro de 2013, aplicarase un ERE suspensivo para evitar despedimentos.
Tamén se acordou, verbalmente, que a empresa desiste de todas as demandas que tiña interposto, nomeadamente a reclamación de máis de 600.000 euros de indemnización ao comité de folga, por suposta folga “ilegal” e “abusiva”.
Amado considera que para a CIG é un resultado “moi positivo”, xa que malia ter a empresa a lexislación ao seu favor, conseguiuse minimizar o impacto da reforma laboral. Salienta especialmente o acordo acadado canto á redución salarial e afirma que nunca tería sido posíbel se non fora pola “loita exemplar” que mantiveron as traballadoras e traballadores.