Segundo informan dende a CIG-Saúde de Vigo, logo das protestas sindicais e do persoal do centro, acordouse instalar, a partir do 9 de xullo, paneis nos cristais do edificio, que, supostamente, van diminuír en gran medida a temperatura interior, que non conta con mecanismos de refrixeración nin sistemas que reduzan a calor. Dende a CIG-Saúde agárdase que nova medida a adoptar sexa realmente “efectiva e se concrete nos prazos comprometidos”.
Así mesmo, lembran que se lle propuxo ao SERGAS pasar as consultas de tarde á quenda de mañá en canto non se solucione o problema, posto que existe a infraestrutura suficiente para asumir ese traballo de mañá. Non obstante, os responsábeis da Consellaría de Sanidade negáronse a tomar dita medida, a pesar de contar coa aprobación do persoal e dos usuarios/as.
“Por sorte, o tempo dos últimos días está sendo xeneroso coas temperaturas, que de non ser así seguramente produciríanse, como en outras ocasións, cadros de desfalecemento tanto do persoal coma dos usuarios”, sinalan dende a CIG-Saúde.
Hai que lembrar que xa na execución das obras do centro algún traballador sufriu lipotimias pola elevada temperatura, “pero parece que isto non alertou aos responsábeis da obra e agora pasa o que pasa”, lamentan.
Máis información e imaxes na web da CIG-Saúde de Vigo