Segundo indicaron dende a CIG de Valdeorras, Pizarras Caborco Oscuro obriga aos traballadores/as que se negan a facer o recoñecemento fóra do horario laboral a asinar un escrito polo que o operario/a renuncia voluntariamente ao recoñecemento. Mentres, cos/ás traballadores/as que rexeitan asinar dito escrito e exixen facer a consulta dentro do horario de traballo, tal e como estipula a lexislación laboral vixente, as ameazas “soben de ton”, deixando caer “sibilinamente” a posibilidade de padecer problemas á hora da renovación dos contratos, e recorrendo a escusa de que “hai bastante xente no paro”.
“Isto é intolerábel e un grave incumprimento do convenio colectivo da Lousa”, afirma o responsábel da Unión Local da CIG de Valdeorras, Adriano Brito, quen lembrou que o dereito ao recoñecemento médico é “unha conquista histórica, porque todos e todas temos dereito a que se protexa a nosa saúde”.
“En tempos de crise os patróns da lousa apretan máis aos traballadores/as, xa non lles chega con espremelos durante todos estes anos, agora até lle queren sacar a polpa”, lamenta Brito.
Dende a CIG-Valdeorras tamén animaron ao conxunto do persoal do sector a denunciar este tipo de atropelos, “que non se deixen chantaxear” e que exixan o cumprimento dos seus dereitos.