Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 1/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Milleiros de persoas rexeitan nas rúas de Galiza o saqueo á clase traballadora que supón o rescate aos bancos

O secretario xeral da CIG adiantou que a central nacionalista seguirá a promover a convocatoria dunha folga xeral antes de final de ano
Milleiros de persoas saíron á rúa  en todo o país para denunciar que o rescate aos bancos españois por parte da Unión Europea supón un saqueo á clase traballadora e para esixir responsabilidades políticas e penais os seus promotores. O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega, que participou na manifestación de Vigo, adiantou que a central nacionalista seguirá a acumular forzas para promover a convocatoria dunha folga xeral no Estado español antes de que remate o ano.

A CIG volveu mobilizarse unha vez máis para rexeitar as políticas que se están a aplicar dende a UE porque non permiten a recuperación económica e, ao mesmo tempo, para reclamar que se depuren as responsabilidades políticas e penais dos causantes da crise e dos promotores do rescate bancario.

Dende a central nacionalista denuncian que a inxección de milleiros de millóns de euros ao sector financeiro español supón un auténtico saqueo á clase traballadora, que será a que en última instancia teña que afrontar a súa devolución. “O capital non presta cartos a cambio de nada; a débeda privada ao final vaise converter en débeda pública”, alertou o secretario xeral da CIG.

Suso Seixo foi o encargado de pechar as intervencións ao remate da marcha celebrada en Vigo, que unha vez máis foi a máis multitudinaria do país. O máximo responsábel da central nacionalista amosouse moi crítico coa dereita española que goberna o Estado español e acusouna de “ceder soberanía con respecto a Europa ao tempo que persegue a todos/as aqueles/as que reclamamos soberanía para as nacións sen Estado”.

Seixo tamén censurou as recentes condenas a sindicalistas da CIG e lamentou que a Fiscalía non actúe co mesmo celo contra os causantes da crise. “Tivemos que ser nós os que denunciamos os xestores de NCG Banco para que despois a Fiscalía se decidise a presentar unha querela”, asegurou. Neste senso, lembrou que a CIG e o sindicato vasco ELA denunciaron diante do Tribunal Supremo os ex presidentes do Goberno español Aznar e Zapatero, así como o actual, Mariano Rajoy, e os ex responsábeis do Banco de España.

O secretario xeral da CIG adiantou durante a súa intervención que a central nacionalista seguirá a promover diante dos outros sindicatos a convocatoria dunha folga xeral no conxunto do Estado español antes de que remate o ano. Finalmente, incidiu na necesidade de seguir coa mobilización social para denunciar estas políticas “tan antisociais e antiobreiras” e esixir medidas que garantan a saída da crise, que axuden a crear emprego e que sexan defensoras dos intereses da maioría social, canto a dereitos sociais e calidade de vida”. Unha loita que, afirma, “é para tempo”, porque a saída da crise non vai ser inmediata, e que precisa tamén “ir mudando a correlación de forzas no campo laboral, das relacións laborais pero tamén no institucional intentando que perdan a maioría no Parlamento as forzas políticas que están defendendo estas políticas lesivas para a maioría social”.      

Galería de imaxes das mobilizacións.

cig.prensa@galizacig.com