Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

999 profesores menos para o vindeiro curso escolar

CIG-Ensino denuncia que provocará que un elevado número de interinos e substitutos queden sen traballo
A CIG-Ensino vén de denunciar a redución do profesorado de Secundaria con destino provisional nun 55%, con 999 adxudicacións menos respecto das realizadas en setembro de 2011 para o curso que rematou. Así se tira da publicación das adxudicacións de destinos para o curso escolar que comeza en setembro, a definitiva en Primaria e a provisional en Secundaria.

Nestas adxudicacións publicadas pola consellaría de Educación, confírmase o que xa denunciara a CIG-Ensino: un novo recorte na  dotación de profesorado que repercutirá nunha maior masificación das aulas e na imposibilidade de dar conta de todas as necesidades educativas. Por tanto, un recorte de persoal que vai en detrimento da calidade do ensino e é, realmente, un proceso de destrución de emprego continuado ao longo dos cursos perpetrado por un presidente da Xunta que prometeu acabar co desemprego en 45 días. “No Ensino, tamén, mentiras e enganos do PP dirixidos a privatizar un servizo público esencial”, denuncia a CIG-Ensino.

O recorte de profesorado que se produce este curso e que se suma aos de cursos anteriores, suporá o incremento da conflitividade dos anos precedentes en todas as etapas educativas. “Mais á Consellaría nada lle importa, con tal de seguir na súa liña de ataque permanente ao Ensino Público e a súa calidade, desprestixiando o Ensino Público co obxectivo de favorecer o privado ao que si lle mantén e mesmo lle incrementa os concertos”, asegura.

Esta situación de redución de profesorado é consecuencia da aplicación de novas medidas de recorte como son o incremento das rateos, que supón a masificación das aulas superando as 25 de Primaria e Infantil, as 30 de Secundaria e as 35 de Bacharelato; o incremento do horario do profesorado realizado co único fin de reducir os cadros de persoal dos centros, sabendo que isto irá en detrimento da calidade do ensino e da atención do alumnado. “Medidas adoptadas sempre desde unha perspectiva mercantilista de redución de investimentos no ensino público, que como sabemos van afectar tamén a dotación de materiais e infraestruturas dos centros, prazas de comedores”, di a CIG-Ensino.

Nesta redución de prazas, ademais, hai 161 funcionarios de carreira, das materias de lingua galega, filosofía, francés, Educación Física e Música, que non obteñen destino e que, con moita probabilidade acaben por non impartir ningunha hora da súa especialidade, non saben cando se incorporarán a un posto de traballo, nin se impartirán a súa materia. O ano pasado o profesorado nesta situación era en torno a un centenar de persoas de tres das materias citadas, co que, polo que a eles respecta empeorou a situación.

As cifras da redución do PP no Ensino Público

Este ano redúcese nun 26,5% o profesorado ao que se lle asigna praza provisional para o vindeiro curso, 999 profesores e profesoras menos. Esta redución é especialmente grave no caso de Secundaria en que estamos a falar de 993 profesores e profesoras menos, o que representa nesta etapa un 56% menos de dotación de profesorado provisional:

 

Redución profesorado

2012

2011

Diferenza

Dza %

Primaria

1983

1989

-6

-0,30

Secundaria

797

1790

-993

-55,47

Total

2780

3779

-999

-26,44

 

Trátase fundamentalmente de profesorado interino e substituto de Secundaria que resulta despedido ao non obter destino nesta adxudicación. Neste colectivo hai profesores con máis de 20 anos de servizo  que nin sequera vai traballar de substituto. Estes datos vanse ver incrementados no momento en que se coñezan todas as xubilacións que corresponden ao curso 2012-2013, onde se comprobará que a meirande parte delas non foron cubertas, o que significa un incremento dos despedimentos.

Por outro lado é especialmente significativo o incremento de profesorado suprimido e desprazado en Primaria, onde se duplica o número de suprimid@s e desprazad@s respecto do curso pasado:

 

Suprimidos e desprazados

2012

2011

Diferenza

Dza %

Primaria

245

168

77

45,83

Secundaria

140

138

2

1,45

Total

385

306

79

25,82

 

En Secundaria os datos son parellos aos de 2011. Mais comparados os datos destes dous anos co curso 2010-2011 compróbase o incremento do profesorado suprimido e desprazado: este ano serán 140 @s profesor@s desprazad@s, fronte aos 52 do curso 2010-2011. É dicir o número de profesoras e profesores sen horas no seu centro de traballo por mor do incremento do horario lectivo e das rateos das aulas triplicouse en dous anos.

A CIG-Ensino denuncia que, un ano máis empeoran as condicións de traballo do profesorado. Primeiro porque se incrementa o número de profesores desprazados e suprimidos, como acabamos de ver, mais tamén porque se mantén un número de postos de traballo en que hai que compartir centro ou impartir materias afíns especialmente elevado, algo que vén acontecendo nos últimos cursos como resultado do intento da Consellaría de reducir ao máximo sen lle importar os resultados nin a calidade do ensino, o que o ano pasado daba lugar a combinatoria tan inexplicábeis como que un profesor de Matemáticas tivese que impartir ademais outras catro materias, entre elas algunhas como Lingua Castelá ou Música. Así o 16% do profesorado con destino provisional terá que impartir docencia en máis dun centro e o 24% deste profesorado impartirá, ademais, outras materias das que non é titular. Por outro lado o 33% do profesorado con destino provisional terá que impartir materias das que non é especialista.

 

Prazas

Secundaria

Primaria

Total

Itinerantes

20

359

379

Con afíns

619

159

778

Itinerantes con afíns

5

84

89

 

Un ano máis hai que denunciar que profesores e profesoras funcionarios de carreira non obteñen destino na adxudicación provisional, iniciando o curso sen saber cal será o seu posto de traballo, en que provincia, de que materia ou en que circunstancias, se como substitutos de zona ou compartindo centros. Son funcionarios e funcionarias de Filosofía, Francés, Música, Educación Física e Lingua Galega:

 

Profesorado funcionario de carreira sen destino

Filosofía

Francés

Música

Educación Física

Lingua galega

161

24

25

21

10

81

 

“Estamos, pois,ante a comprobación dun feito grave. Con esta adxudicación estamos a falar de que un número moi elevado de profesoras e profesores  interinos ou substitutos van deixar de traballar o curso que vén, pois iso é o que vén indicar unha redución de 999 prazas na adxudicación respecto do curso pasado.  É dicir a máquina do PP  de destruír emprego e e minar a calidade do ensino público segue en marcha, pois á redución dos 999 postos de traballo que amosan esta adxudicación hai que lle engadir a amortización das vacantes producidas por xubilación” denuncia.

cig.prensa@galizacig.com