Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración urxente no Parlamento de Galiza, este xoves ás 16:00 horas, contra os recortes impostos por Rajoy

A Área Pública da CIG chama a participar na mobilización convocada coincindo co pleno no que o PPdG imporá en Galiza as medidas regresivas decretadas en Madrid
A Área Pública da CIG fai un chamamento a participar na concentración convocada para mañá xoves, día 2 de agosto, diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa celebración do pleno extraordinario no que o Partido Popular convalidará as medidas de recorte impostas por Rajoy. A CIG denuncia que o PPdG imporá a súa maioría absoluta na cámara para aplicar con toda a dureza eses regresivos recortes, acatando submisamente as ordes do goberno central, sen importarlle as graves consecuencias que terán para os servizos públicos de Galiza, nin para as súas traballadoras e traballadores.

A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde e CIG-Administración) denuncia que, unha vez máis, o PP actúa con alevosía e premeditación, convocando un pleno extraordinario practicamente dun día para o seguinte, nun intento de evitar así que se poida manifestar a oposición ás súas políticas e facendo un uso “sectario e ideolóxico” da cámara de representación de todas as galegas e galegos.

Lembra que o mesmo comportamento tivo cando convocou ás organizacións sindicais á mesa do día 19, coincidindo coas masivas manifestacións que percorreron as rúas de Galiza.

Subliña a hipocrisía do goberno da Xunta, que escenificou no seu momento un si crítico, pero que agora aplica todas as medidas decretadas polo goberno central con total dureza e salienta que xa no mes de febreiro o goberno do PP en Galiza pasou o rodillo da maioría absoluta para aplicar, no noso país, unha medidas que o situaban na avanzadilla do Estado canto a recortes de dereitos laborais e sociais das empregadas e empregados do sector público.

Alerta das graves consecuencias que terán estas políticas para os servizos públicos, que se verán cada vez máis degradados, e para o conxunto da poboación, nomeadamente para a clase traballadora.

A Área Pública da CIG advirte que con todas estas medidas, que se xustifican por mor da crise, o PP ten o obxectivo de ir eliminando os dereitos sociais e laborais, pero tamén os dereitos democráticos, para restar capacidade de resposta ás organizacións sociais e políticas que cuestionan o seu modelo económico, político e social. Por iso reitera a importancia de mobilizarse e manifestar o máis rotundo rexeitamento non só a estes recortes, senón tamén ao grave retroceso que estamos padecendo nos nosos dereitos sociais e nacionais.

cig.prensa@galizacig.com