Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os programas de cualificación profesional inicial poderán superar os 30 alumnos/as por aula no segundo curso

A CIG-Ensino denuncia que a consellaría degrada os programas de cualificación profesional inicial (PCPI) e alerta de que a masificación aumentará o fracaso escolar
A Consellaría  de Educación  ten prevista a publicación dunha orde na que se “estabelece a oferta de programas de cualificación  profesional inicial en centros públicos na Comunidade  Autónoma de Galicia”, coa  relación de Centros onde se van impartir PCPI-1 e PCPI-2 para o curso 2012/2013, así como as modalidades que lle asigna a cada centro. Nesta orde só se estabelece un número máximo de 15 alumnos//as  para  o primeiro curso dun  PCP e nos módulos profesionais do segundo curso do réxime integrado. Para o resto non se estable esta limitación, podendo superar os grupos os 30 alumnos e alumnas por aula.

O alumnado  dos PCPI( programas de cualificación  profesional inicial) é  alumnado en  risco de exclusión escolar, polo que estes programas  precisan dun seguimento e atención  educativa personalizada e grupos reducidos. Se xa é  excesivo fixar un número  máximo en 15 alumnos/as por grupo no primeiro curso, a pretensión de que no segundo curso poidan superar os 30 alumnos/as por aula é, para a CIG-Ensino un “disparate pedagóxico”, xa que é “imposíbel”  unha educación  apropiada  a este alumnado. “A  masificación destas aulas  pode ser  fonte permanente de conflitos e provocaran resultados negativos  e contrarios  ao obxecto destes  programas,   con peores resultados,  tanto pedagóxicos como  académicos”.

Para a CIG-Ensino, o alumnado de PCPI-2  merece unha atención educativa personalizada que compense as carencias que, moitas veces, se dan  por proceder este alumnado  dun medio socioeconómico e familiar falto de recursos ou  pouco estimulante. Por iso, afirma que “concentrar 30 alumnos/ as  destes programas  nunha clase é concentrar problemas e condenar ao alumnado ao fracaso escolar”. 

A CIG-Ensino denuncia ademais que este borrador de orde non pasou pola Mesa Sectorial  Docente  non Universitaria e exixe da Consellaría que cese coa súa política educativa mercantilista e que “non escamotee medios, recursos e profesorado para facer fronte ao fracaso escolar”.

Nese sentido demanda da Consellaría  a modificación da proxecto de orde antes de ser publicada para que contemple a necesidade de dotar de profesorado suficiente aos centros, garanta a demanda de PCPI solicitados polos centros, non supere a rateo de 15 alumnos/as por grupo,  facilite reforzos, como mínimo un profesor por área e reduza o  número de horas lectivas para o profesorado que imparte docencia nestes programas, co obxecto que dedique horas a coordinación de grupo  e á adaptación dos materiais curriculares á realidade do alumnado.

cig.prensa@galizacig.com