Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Remata o proceso de impugnación da convocatoria de OPE do Centro de Transfusión tras 7 anos de periplo xudicial

CIG-Saúde congratúlase da súa anulación definitiva e de que quede evidenciado o irregular funcionamento das fundacións sanitarias públicas de Feijoo
Tras da publicación no DOG –ano 2005- da convocatoria do proceso de oposición da fundación pública Centro de Transfusión de Galiza (CTG), CIG-Saúde solicitaba da consellaría de Sanidade a paralización do proceso ao apreciaren irregularidades manifestas no mesmo. Foron necesarios 4 xuízos e 7 anos para a anulación definitiva desta convocatoria de Oferta Pública de Emprego (OPE), que pon en evidencia o irregular funcionamento das fundación sanitarias públicas impulsadas polo PP sendo Alberte Núñez Feijoo secretario xeral da consellaría de Sanidade.

No ano 2005, cando na consellaría de Sanidade gobernaba o PP, CIG-Saúde remitiu varios escritos denunciando as irregularidades que se apreciaban na convocatoria da OPE do Centro de Transfusións de Galiza e solicitando a paralización e subsanación dos erros.

Alertábase de que, entre outras irregularidades, a convocatoria non se rexía pola Lei 10/96, de 5 de novembro, que obriga a preservar os principios de igualdade, mérito e capacidade nos procesos de selección de persoal e que os/as membros dos tribunais foran nomeados/as por unha das persoas que se presentaba ao proceso.

Xunto a iso, CIG-Saúde advertía de que o 22 de febreiro de 2005 o Padroado do CTG aprobara as prazas a convocar: un total de 81 correspondentes a 12 categorías. Porén, na convocatoria que aparecía no DOG, de 10 de xuño de 2005, había modificacións a esta oferta de prazas, sen constar expediente remitido para ter autorización do Padroado da fundación, ou sexa, que se trataba dunha decisión unilateral da dirección técnica que participaba neste proceso.

Ademais incumpríase a orde do ministerio de Sanidade de 14 de xullo de 1984 na que se recolle que é requisito indispensábel ter a titulación de técnico superior en análises clínicos para acceder ás prazas de técnico de laboratorio. “Nesta convocatoria valía calquera titulación de técnico superior de FP mesmo algunha que está catalogada na familias de formación profesional como rama de Metal”, subliña María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.

Puntuábanse tamén cursos de formación continuada non relacionados co posto de traballo, mesmo máis que a experiencia profesional acreditada polo SERGAS, cando “para a valoración da formación é requisito imprescindíbel que teña unha relación directa co posto ao que se opta”, especifica Abuín, quen engade que alén disto, as persoas que se presentaron tamén fixeron saber á CIG que o persoal do centro podía levar feita a memoria da casa, cando nas bases se recollía que a memoria se desenvolvería durante o proceso selectivo nun prazo máximo de dúas horas.

Ante estas irregularidades na propia sentenza afírmase que, dadas as posibilidades que se ofrecían na convocatoria “quérese beneficiar a quen durante estes últimos anos estiveron vinculados  a postos de técnico de laboratorio mediante contratos laborais de carácter temporal, premiando a súa experiencia, permitindo con iso, e sen amparo legal algún que, sen contar coa titulación axeitada pasen a ocupar postos de traballo para os que carecen de titulación suficiente; cando non se pode esquecer que a aptitude para o desempeño dun posto de traballo está directamente ligada e vinculada coa titulación que se lle exixe para o desempeño dos servizos de que se trate”.

Porén, malia comunicárselle ao PP esta situación e solicitar a subsanación das evidentes irregularidades este mantivo o proceso, celebráronse as probas e publicáronse as listas de persoal seleccionado, que coincidía, nalgúns casos, cos propios responsábeis da Fundación.

Coa chegada do goberno bipartito e xa iniciada a vía xudicial, a CIG dirixiuse novamente á consellaría de Sanidade para solicitar a paralización da incorporación deste persoal.

Con data de 26 de outubro de 2005, o bipartito publicou o informe da asesoría xurídica da Xunta de Galiza, no que se recoñecen estes feitos, instando ao goberno a revisar de oficio a devandita convocatoria, de non haber unha resolución xudicial.

En novembro de 2005 o novo padroado da Fundación CTG, nomeado polo goberno bipartito acordaba agardar a resolución do contencioso administrativo e recoñecía que unha vez analizado o informe da asesoría xurídica, dadas as irregularidades poderíase incorrer na nulidade de pleno dereito do proceso.

Sentenza definitiva

Transcorridos 7 anos desde aquela, o pasado 16 de xullo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu a derradeira sentenza pola que queda definitivamente anulado o proceso.

Ante isto, CIG-Saúde dirixiuse á dirección de recursos humanos do SERGAS comunicando o fallo e instando a que se negocie no ámbito da mesa sectorial a nova convocatoria de OPE. Un proceso no que a federación insiste en que “non pode participar, como parte do Tribunal, ninguén que tivese participado no proceso anterior, ten que ser tutelado escrupulosamente polo SERGAS”.

CIG-Saúde lembra que o actual presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, era secretario xeral da consellaría de Sanidade cando se crearon as fundacións sanitarias públicas presentadas e publicitadas de forma entusiasta como fórmulas de xestión que ían solucionar os problemas do sistema sanitario. Porén, lonxe de mellorar a calidade do sistema sanitario público galego, “o único que se conseguiu foi crear entes públicos que o PP pretendía xestionar á marxe das normas estabelecidas  e en función dos seus intereses”, denuncia Abuín.

A secretaria Nacional de CIG-Saúde lamenta a situación na que quedaron os traballadores e traballadoras afectados que si cumprían os requisitos legais que, afirma “teñen que agradecerlle estes sete anos de incertidume ás políticas do Partido Popular e a algunha organización sindical que se prestou a este xogo”.

cig.prensa@galizacig.com