Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 1/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

SEMAR impide aos traballadores regresar aos seus postos malia rematar o ERE

O empresario explicoulle á Inspección, esta mañá, que non ten traballo para eles e que non os quere dentro da nave
Os traballadores de SEMAR afectados polo ERE regresaban este 31 de xullo aos seus postos. Porén, ao chegaren ás portas da nave impedíuselles o acceso. Ás 12:30 horas presentábase na nave a Inspección de Traballo e o propio empresario explicaba que nin ten traballo para eles, nin os quere dentro da nave. A estas alturas séguelles adebedando máis de un mes de salarios.

SEMAR é unha empresa de carpintaría de aluminio que está en Bertamiráns, Ames, e que conta cun cadro de persoal de 22 traballadores. En decembro do pasado ano intentou aplicar un ERE extintivo, alegando causas económicas, que foi desbotado pola autoridade laboral. No mes de xaneiro presentou un novo ERE, que afectou a 10 traballadores, desta volta suspensivo, que si foi aprobado, cando xa se lle adebedaban aos traballadores os salarios de dous meses e unha paga extra.

Benedicto Blanco, secretario comarcal da CIG-Metal de Compostela lembra que a carga de traballo non diminuíu e denuncia que coincidindo coa aplicación do ERE empezou a derivarse parte desta a traballadores autónomos e cara outra empresa, Sistemas Especiales Metálicos para Arquitectura S.L, en Padrón, que o empresario controla a través dun testaferro.

Considera que o obxectivo é “descapitalizar esta empresa” e que a súa pretensión é que o persoal presente a baixa voluntaria “para  que cobre do FOGASA e comezar de cero con outra nova empresa”. Lembra que hai traballadores que xa denunciaron ser obxecto de acoso laboral e, de feito, hai probas de que o propio empresario pintou o coche a un dos traballadores, delegado sindical da CIG, diante das cámaras do cuartel da Garda Civil de Negreira.

cig.prensa@galizacig.com