O 1 de setembro desde primeira hora da mañá comezaba a xornada de folga contra o peche do centro de traballo de Treves da Avenida de Vigo e o ERE de extinción proposto pola empresa, e polo mantemento do proxecto industrial no seu conxunto de Treves en Pontevedra.
Até as portas de Citroën
Por estes motivos, as traballadoras e traballadores de Treves da avenida de Vigo e do Campiño secundaron masivamente a xornada de folga convocada. E para visibilizar as súas demandas e continuar recollendo máis apoios, achegáronse neste dia até a cidade de Vigo a mobilizarse até as portas do seu principal cliente: PSA Citroen, do que demandan unha implicación neste conflito.
Na Praza de América, ás 10.30 da mañá, chegaban máis de trescentas persoas, para dar comezo a esta mobilización. Delegados e delegadas sindicais da FGAMT da CIG e outros compañeiros da CIG secundaron esta mobilización xunto a estas traballadoras e traballadores.
Cada semana de setembro, unha xornada de folga
Flora Pintos, presidenta do Comité de Empresa de Treves da Avenida de Vigo e da CIG,informou de que "esta é a primeira das xornadas de folga, e imos ter un dia de folga cada semana no mes de setembro, porque cremos que é importante mobilizarnos e dar a batalla polo noso posto de traballo", ao tempo que criticou a postura da empresa que "quere solucionar todo con indemnizacións e que se nega a falar da alternativa que lle presentamos para reubicarnos no Campiño".
Solidariedade do Campiño e mantemento do proxecto
David Couñago, presidente do Comité de Empresa de Treves do Polígono do Campiño e da CIG, destacou que "o persoal do Campiño está aqui non só pola solidariedade coas nosas compañeiras senón tamén polo noso futuro, polo mantemento do proxecto de Treves en Pontevedra, que cremos corre perigo". Couñago lembrou que na actualidade, no Campiño, están suxeitos a un ERE de 60 dias ao que se acolleron para evitar 40 despedimentos que pretendía a empresa, mais manifestou que "estamos coa mosca detras da orella polo que poda pasar e porque a empresa non nos aporta ningún tipo de compromiso de futuro para nós tampouco".
Manifestación desde Praza América
Asi, ás once menos cuarto saía a mobilización, entre berros de "A nosa xente non quere o expediente" ou "non á regulación", asi como consignas contra a deslocalización da produción desta auxiliar de téxtil da automoción.
Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT, subliñou a importancia dunha "acción decidida de Citroen asi como da Administración", e relatou como o sábado 29 de agosto as traballadoras de Treves foron recibidas polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, pola mobilización que fixeron no mitin que tiñan preparado en Soutomaior, e "pola presión que exercimos tivo que recibirnos e quitamos o compromiso de que ía facer tamén xestións con Citroën pola súa parte para solucionar esta situación", e criticou que "a actuación da Administración até o de agora foi nula".
A manifestación chegou até as portas de Citroën, onde se mantivo a concentración e cortado o tránsito até as doce e media da mañá.
Reunión co Clúster da automoción
A esa mesma hora na que remataba a mobilización os comités de Empresa de Treves, xunto a representantes sindicais de CIG e UGT, mantiñan unha reunión no Clube Financeiro de Vigo con representantes do Clúster da Automoción; en concreto, esta reunión desenvolveuse coa presenza do presidente, o secretario e tesoureiro do Ceaga, mais faltaba o representante de Citroen, que ocupa o cargo de vicepresidente, porque se prexubilara na última semana e Citroen aínda non designou o seu representante no Clúster.
Xosé Fernández Piñeiro informou desta xuntanza na que "explicamos a situación na que estamos de mobilización e expuxemos a nosa alternativa para Treves, e desde o Cluster consideraron que a nosa proposta é sustentábel, asi como apoiaron que os proveedores de Citroen se encontren nas proximidades de Citroen, e comprometeronse a facer xestións con Citroen para que interceda neste conflito".
Galeria gráfica da xornada
Nesta ligazón ou entrando na sección de multimedia da nosa páxina web podedes encontrar máis imaxes da xornada de mobilización das traballadoras e traballadores de Treves