A Secretaria Comarcal e responsábel da Secretaría da Muller da Federación da Saúde da CIG, Carme Aira, criticou o anómalo funcionamento do Centro de Orientación Familiar de Lugo, onde se rexistran constantes ausencias do xinecólogo e un aprazamento xeneralizado de citas ás usuarias, nalgúns casos en máis de cinco ocasións, tanto para revisións de Dispositivos Intrauterinos (DIU) xa colocados, como na primeira cita para a colocación dos mesmos. Actualmente, alerta, o persoal está cambiando as citas de agosto para xaneiro do ano próximo. “Isto que provoca que nalgunha ocasión a muller nai de varios fillos/as xa non acuda para implantar un DIU, senón para a interrupción do embarazo non desexado”.
Así mesmo, denuncian que, a diferenza doutros centros de Galiza, no COF de Lugo non existe protocolo de actuación relativo á aplicación da Lei Orgánica 2/2010 de 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, “entendemos que por desidia da Dirección do Hospital”. Neste punto, Aira asegura que as mulleres atendidas están sendo derivadas por xinecoloxía ás clínicas correspondentes sen practicarlles a única proba biomédica que confirma definitivamente o embarazo e as semanas do xestación. Esta proba permite coñecer se se cumpren os criterios legais marcados pola actual normativa.
De igual xeito, denuncia a CIG-Saúde de Lugo, unha parte das revisións posteriores á Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) deben ser derivadas ao Hospital Xeral para poder ser atendidas, por mor da ausencia do xinecólogo do COF.
Por outra banda, a Secretaria da Muller da CIG-Saúde reclamou o establecemento de métodos anticonceptivos contemporáneos moi demandados polas usuarias, e que xa se aplican nos outros COF de Galiza. Tal é o caso do ESSURE, moito menos lesivo e máis simple de aplicar que a ligadura de trompas, pero que “non se pon en práctica en Lugo, cando hai lista de espera, e sen que haxa xustificación aparente para tal demora”, lamenta.
Dende a Federación solicitouse á Dirección Médica do Complexo Hospitalario unha actuación “seria, firme e destinada a resolver todas as anomalías relativas ao funcionamento do centro, co ánimo de salvagardar “os dereitos que ten a parella, e nomeadamente a muller, con respecto á preservación da súa saúde sexual e reprodutiva”