Con estas concentracións a CIG pon en marcha unha campaña que terá continuidade até o mes de marzo e que culminará, nesta fase, o 10 de marzo, coas mobilizacións do Día da Clase Obreira Galega. Ademais, nas protestas do xoves 12 de xaneiro repartiranse billetes de 500 euros coas consignas "As políticas económicas do PP: ricos máis ricos e pobres máis pobres" e "Contra a ditadura dos mercados, soberanía nacional".
A central sindical pretende denunciar as consecuencias socioeconómicas que terán as políticas xa decretadas nos primeiros Consellos de Ministros e as que pretende aprobar o PP; evidenciar a necesidade de apostar por un novo modelo económico e social e, en consecuencia, esixir políticas alternativas que permitan camiñar cara un sistema alternativo ao neoliberalismo.
Respecto das medidas adoptadas en materia fiscal, denuncia que o que se fai é incrementar os impostos á clase traballadora e ás clases medias “mentres que seguen sen adoptarse medidas dirixidas a incrementar os impostos ás grandes fortunas, ás SICAV ou a combater a fraude fiscal que existe no estado español, por parte das grandes empresas e a banca. Medidas contra os verdadeiros responsábeis da crise”, asegura o secretario xeral da CIG.
Seixo considera que grande parte do déficit público -que é o que se está utilizando para xustificar os recortes do gasto público- vén provocado, precisamente por estas políticas fiscais. “Por iso acordamos que estas primeiras mobilizacións se desenvolvan diante das delegacións de Facenda”.
Xunto a isto, a CIG tamén vén denunciando, e así o seguirá a facer nesta campaña, as políticas do PP na Xunta de Galiza. “Só con mirar as cifras de desemprego que temos neste intre, xunto cos centos e centos de mozos e mozas que seguen emigrando, xa queda descualificada a política económica e laboral de Núñez Feijóo”, di Seixo.
O secretario xeral da CIG denuncia que, de feito, a política económica e laboral da Xunta de Galiza “é practicamente inexistente” porque se limita a actuar como un “axente pasivo”, antes responsabilizando ao goberno central de todos os males, e agora agardando ao que lle digan. “É unha situación de desgoberno e iso tamén queremos poñelo de manifesto”.
Diante desta situación, a CIG esixirá maior soberanía para Galiza “convencidos de que nun momento como este, no que se está a dar unha concentración tan grande a nivel económico e político, agora que as decisións se toman en instancias totalmente alleas aos intereses da clase traballadora galega, é fundamental ter soberanía para decidir as políticas que máis nos conveñen para saír da crise e construír un novo modelo económico”.
HORARIOS DAS ASEMBLEAS E DAS MOBILIZACIÓNS:
- Santiago de Compostela: 10:00 horas asemblea.12:00 horas concentración na Praza de Galiza.
- Vigo: 09:30 horas asemblea. 11:30 horas saída en manifestación até a delegación de Facenda (r/ Lalín, 2).
- A Coruña: 10:30 horas asemblea. 12:00 horas concentración na delegación de Facenda (r/ Comandante Fontanes, 10).
- Ourense: 11:00 horas concentración na delegación de Facenda (r/ Santo Domingo, 25).
- Ferrol: 10:30 asemblea. 12:00 horas concentración na administración de Facenda (Rúa Telleiras s/n).
- Lugo: 12:00 horas concentración na delegación de Facenda (Rúa da Raíña, 2).
- Pontevedra: 12:00 horas concentración diante do Banco de España.
- Vilagarcía: 12:00 horas concentración diante da Axencia Tributaria (r/ Elpidio Villaverde, 3).