Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 10/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, Carme Adán, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza, Ester Mariño, técnica de Igualdade da CIG, e Placer Vila, secretaria comarcal da Muller da CIG de Vigo, foron as persoas encargadas de inaugurar estas xornadas.
Despois dos obradoiros simultáneos, as participantes de cada grupo puxeron en común co conxunto das asistentes as conclusións ás que chegaran nestes cursiños.
Pepa Yáñez e Clara Gayo representaron uns monólogos, como final lúdico para estas xornadas.
Placer Vila, secretaria comarcal da Muller da CIG de Vigo, e Maria Carme López Santamariña, secretaria confederal da Muller da CIG, clausuraron este encontro.

As xornadas "Sindicalizar desde a diversidade" crearon un espazo de encontro e formación con perspectiva de xénero

Ambiente positivo e boa participación
Na residencia de tempo libre de Panxón desenvolveuse a xornada "Sindicalizar desde a diversidade", na que participaron delegadas e delegados sindicais, nun encontro que tiña como obxectivos ser un espazo de convivencia onde potenciar actitudes de encontro, diálogo, coñecementos, e que aporte ferramentas práticas que logo se podan utilizar no traballo tanto sindical como na vida persoal das e dos asistentes.

Pasadas as dez da mañá daba comezo a sesión de apertura destas xornadas, no que participou en primer lugar Ester Mariño, técnica da Igualdade da CIG de Vigo para presentar este encontro como un "espazo de creación de pensamento crítico e de convivencia". Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, interviña nesta inauguración para tratar a cuestión de "sindicalizar desde esa diversidade" e anotou que "un dos principais retos do sindicalismo é a participación das mulleres na negociación colectiva, e a participación nas mesas onde se decide".

Carme Adan, Secretaria Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galiza, participou desta inauguración para dar a benvida "a este espazo de formación de mulleres", e subliñou que "en tempos de crise é importante non dar nin un paso atrás e continuar a avanzar na igualdade".

Tres obradoiros simultáneos

Despois desta sesión de apertura, daban comezo tres obradoiros simultáneos para tratar os seguintes temas: debates sobre roles e estereotipos no campo laboral ou novos horizontes no cotiá como o multiculturalismo, xénero e clase, asi como un obradoiro de autodefensa feminista.

Tras a realización destes cursos as participantes nos mesmos expuxeron as súas conclusións e fixeron unha posta en común dos coñecementos adquiridos ao longo da mañá.

Actuación teatral e cabaret

Pepa Yáñez e Clara Gayo realizaron unha actuación, con cabaret e un monólogo sobre o mundo laboral e o estrés na vida das mulleres, para poñer o punto lúdico a este encontro, que tivo moi boa acollida entre as participantes.

Clausura das xornadas

Chegadas as seis da tarde, a Secretaria Confederal da Muller da CIG, Maria Carme López Santamariña, puña punto e final a esta xornada nunha intervención na que afirmou a necesidade da participación das mulleres nos organismos "para trasladar as nosas experiencias e necesidades aos organismos da central sindical e ás mesas de negociación colectiva". Tamén aproveitou para animar á participación masculina neste tipo de foros "que teñen que repetirse".

Por último, Placer Vila, secretaria comarcal da Muller da CIG de Vigo, agradeceu a asistencia e boa participación das persoas que acudiron este mércores 8 de outubro a Panxón e sinalou a necesidade destes encontros "para formarnos e tomar conciencia como mulleres e sindicalistas que somos".

cig.prensa@galizacig.com