López Gromaz fai un percorrido pola evolución do déficit público desde o ano 1995 estabelecendo unha comparativa cos países do noso contorno constatando que o Estado español presenta un dos niveis de endebedamento máis baixo da Unión Europea en 2010, o 60,1% do PIB, máis de 20 puntos por debaixo da media comunitaria e mesmo de países como Alemaña e Francia.
A economista conclúe que non son as contas as que xustifican pois “a agresividade a que está sendo sometido” o estado español, senón pola “cantidade e calidade” da débeda privada, que non se soluciona, di “cunha reforma da Constitución”.
López Gromaz considera, en consecuencia, que as reformas emprendidas até o de agora, pretenden unicamente pór fin ao “pequeno estado de benestar” do que gozamos até o de agora e que, en todo caso, reducir gastos non é a única opción posíbel para reducir o déficit.
Reformas fiscais
Xunto á análise do déficit, fai un percorrido polas sucesivas reformas fiscais, que diminuíron os ingresos, ao rebaixarse a presión fiscal sobre os que máis gañan en 10,2 puntos, e cuantifica a fraude fiscal, en 2010, en case 60 mil millóns de euros (59.515 millóns).
Porén, matiza, “esta é a evasión fiscal ilegal, logo está a legal, como a que utilizan as grandes fortunas para evitar o control do IRPF: as sociedades de investimento de capital variable (SICAV), que permiten tributar a un vantaxoso 1%”. No ano 2010 habia 3.133 sociedades deste tipo rexistradas no Estado español.
A CIG considera que este non é o momento de reducir o gasto público, máis ben todo o contrario: o estado debería ter un papel dinamizador no económico e protector no plano social, incrementando o gasto se é necesario.
Alternativas para controlar o déficit
Canto ao control do déficit, como alternativas, para incrementar os ingresos públicos apunta a eliminación da fraude fiscal; a eliminación das SICAV; igual tratamento fiscal ás rendas do capital que ás do traballo; potenciar os impostos directos fronte os indirectos para incrementar a progresividade do sistema introducindo, novamente, tributos practicamente eliminados como o de patrimonio, sucesións e doazóns e reformar o IRPF, aumentando os tramos para facer o imposto máis progresivo, e incrementando os tipos de gravame ás rendas máis altas. “Simplemente con volver ao imposto de principios dos 90, estariamos nun sistema máis equitativo”, afirma.